23 de xan. de 2008

CIG e UXT mobilizáronse ante a Convención Comercial de Caixa Galicia



O pasado sábado día 19 de xaneiro Caixa Galicia convocou a 1.300 traballadores e traballadoras á Convención Comercial Anual en A Coruña. A CIG e UXT mobilizáronse ante este acto para denunciar a política laboral e o bloqueo do proceso de negociación.

O pasado mes de decembro Caixa Galicia e a representación sindical abrían un proceso de negociación despois dun longo conflito laboral. Máis alá da sinatura dun acordo relacionado coa retribución variable asinado no acto de conciliación previo dun conflito colectivo presentado pola CIG, a negociación está bloqueada.

CCOO decidiu abandonar as mesas de negociación, circunstancia que aproveitou a empresa para non avanzar en todo o relacionado coa falta de persoal e as cargas de traballo. Ante esta circunstancia CIG e UXT apostaron pola unidade de acción mobilizándose conxuntamente ante este acto convocado pola dirección da Caixa.

Medio cento de delegados e delegadas da CIG e UXT concentráronse dende primeira hora da mañá ante o edificio do Pazo de Exposicións e Congresos de A Coruña onde se realizaba a Convención. Este acto empresarial tiña como lema “(re) evolución”. Os dous sindicatos convocantes denunciaron que as revolucións son liberadoras, todo o contrario da política laboral da Caixa Galicia.

Pero a presenza da CIG e a UXT non só se notou fóra do acto, durante a Convención a dirección da Caixa defendeu ata en tres ocasións que debe manterse a tensión comercial nun marco cada vez máis competitivo, pero que esta non pode derivar en presión laboral.

Para a CIG e a UXT o balón está no aleiro da Caixa, a dirección debe reactivar as mesas de negociación á par que debe rebaixar a presión ao persoal para que cumpra os leoninos obxectivos impostos pola empresa.

1 comentario:

Anónimo dixo...

A que coño esperades, outra folga xa!!

Entre as compañeiras só comentamos que Bosch está tomandovos o pelo. Cada día que pasa pior. Folga e que lles den.

Pd. Parachedes a folga para negociar: que negociou a empresa....nada!!