20/02/2012

Aberto o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos

A Secretaría de Muller da CIG informa da publicación no DOG da orde pola que se establecen as bases para a concesión da prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos para este 2012. A Xunta volve excluír destas axudas ás persoas que o pasado ano presentaron a declaración da renda, aínda sen ter a obriga de facelo.

Poderán beneficiarse desta prestación aquelas persoas con fillos/as nacidos entre o 2 de xaneiro de 2009 e o 1 de xaneiro de 2012 e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2010, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración da renda correspondente a ese período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.

A prestación consistirá nun pagamento único de 360 euros por cada crianza menor de tres anos e o prazo para entregar as solicitudes estará aberto até o vindeiro luns 26 de marzo.

Podes consultar a nova completa, consultar o DOG coa orde, e descargar o formulario de solicitude na seguinte ligazón: http://www.galizacig.com/avantar/novas/15-2-2012/aberto-o-prazo-para-solicitar-a-prestacion-economica-de-pagamento-unico-por-fillos-e?utm_source=twitterfeed&utm_medium=twitter

A CIG fixa a convocatoria de folga xeral nacional para o xoves 29 de marzo

O Secretariado Confederal da CIG, reunido este venres, día 17 de febreiro, acordou fixar a data da convocatoria de folga xeral para o día 29 de marzo. Así o comunicou o secretario xeral, Suso Seixo, quen explicou que para tomar esta decisión tívose en conta que durante o mes de marzo entrarán a debate, no Congreso, a reforma laboral e os Orzamentos Xerais do Estado e que para esa mesma data, tamén convocou folga xeral a maioría sindical vasca.

(Mais información en www.galizacig.com)

16/02/2012

Centos de persoas participan nas asembleas abertas convocadas pola CIG para avaliar as consecuencias da nova reforma laboral

Centos e centos de persoas participaron na tarde deste xoves nas asembleas abertas convocadas pola CIG en todo o país para informar das gravísimas consecuencias que terá a reforma laboral que vén de aprobar o PP sobre as condicións laborais e salariais da maioría da poboación.

Os actos reivindicativos centráronse na necesidade dunha convocatoria de folga xeral, que a centra nacionalista ten prevista para finais do mes de marzo, como única forma de frear tanto esta reforma como todas as medidas que xa se foron aprobando e as que se prevé que se impoñan a través dos orzamentos xerais do Estado.

(Máis información en www.galizacig.com)

CIG-Banca reclama a implicación da Xunta de Galiza para dar solución aos problemas do sistema financeiro galego

Delegados e delegadas da CIG-Banca, do Banco Pastor e de Nova Galicia Banco, concentrábanse esta mañá diante do Parlamento para exixir da Xunta de Galiza que se implique nas solucións a dar ás entidades financeiras galegas, por mor dos problemas xerados tras do anuncio de de Guindos de reformar o sistema financeiro e tras aprobarse a reforma laboral. “Están en xogo, non só estas entidades, senón o noso propio sistema financeiro”, explica Clodomiro Montero, quen engade que “este conflito non é dunha empresa en particular. É consecuencia de decisións políticas que afectan a todos os traballadores/as e a todos os sectores. Por iso, a resposta ten que ser a folga xeral


14/02/2012

A CIG considera que a reforma laboral é profundamente antiobreira e confirma a necesidade dunha contundente resposta social

A Confederación Intersindical Galega considera que todas as medidas recollidas na reforma laboral van dirixidas a flexibilizar e abaratar o despedimento e as condicións laborais e proporcionar man de obra barata á patronal. A reforma pretende ademais debilitar a negociación colectiva, dividir aos traballadores e individualizar as relacións laborais. O secretario xeral, Suso Seixo, afirma que “vai provocar unha caída xeneralizada dos salarios, o empobrecemento da clase traballadora, máis desigualdades sociais e a exclusión social dos máis desfavorecidos”. Ante isto, a CIG considera que con todas as medidas que se veñen aplicando e agora con esta reforma laboral, a única resposta posíbel é a folga xeral.

08/02/2012

A CIG anuncia a convocatoria dunha folga xeral nacional para a última semana do mes de marzo

O secretario xeral da CIG compareceu esta mediodía en rolda de prensa xunto ao responsábel de Comunicación e Propaganda para anunciar a convocatoria dunha xornada de folga xeral nacional para a última semana do mes de marzo. A decisión foi adoptada practicamente por aclamación -só houbo sete abstencións- durante a conferencia sindical que se celebrou en Santiago de Compostela este martes e na que participaron máis de 350 dirixentes da central nacionalista. A data definitiva será consensuada coas distintas organizacións sindicais que decidan sumarse á mobilización.


01/02/2012

5 anos de conxelación salarial en Telemárketing = 20% de perda de poder adquisitivo

CCOO-UGT e as patronais CEOE e CEPYME, asinaron o 25 de xaneiro o II Acordo Interconfederal, que pacta o contido dos Convenios para os anos 2012, 2013 e 2014. Nese acordo establécense subas salariais por baixo da suba dos prezos e da vida, polo que estamos ante un novo recorte salarial que se suma ao que levamos en 2010 e 2011. Se se aplica este acordo, tal e como teñen aprobado, no Convenio Colectivo do sector de Telemárketing, o recorte salarial pode situarse no 20% dende 2009 ata 2014.


Ademais pactaron introducir nos Convenios medidas de “flexibilidade”, por riba do que pedían as empresas de Telemárketing no noso Convenio. Este é o froito da centralización da negociación colectiva, do modelo sindical de cúpulas que prescinde da participación dos traballadores e traballadoras: recortes e máis recortes.


Aumento da flexibilidade interna na empresa


Outro dos puntos destacados do acordo é que hai que aumentar a flexibilidade laboral, para o que dan máis poder de decisión ás empresas sobre cuestións esenciais, como son a distribución do tempo de traballo, a mobilidade funcional ou a flexibilidade en materia salarial.


En concreto, o acordo indica que:


· Os convenios colectivos deberán facilitar que a empresa poda distribuír irregularmente o 10% da xornada anual.
· Ademais, os convenios colectivos deberían posibilitar que a empresa dispoña de unha bolsa de cinco días (ou 40 horas) ao ano, que poderá alterar na distribución prevista no calendario anual.
· A mobilidade funcional dentro da empresa só debe ser limitada pola pertenza ao grupo profesional ou polas titulacións esixidas. Non se considerará a categoría profesional a efectos de mobilidade funcional.
· Estas porcentaxes poderanse modificar nos distintos ámbitos de negociación.
· Por se todo isto fose pouco, os convenios colectivos deberían contemplar medidas de maior flexibilidade cando a empresa necesite distribuír de xeito irregular máis xornada ou cando necesite maior mobilidade funcional.


O Acordo Interconfederal habilita non aplicar na empresa determinadas condicións de traballo pactadas nos convenios sectoriais.


Este punto, ao igual que os anteriores, supón asumir e ir máis alá do aprobado nas últimas reformas laborais. En concreto, establécense os criterios que deben seguir as empresas para non aplicar, de xeito temporal, cuestións coma o horario e distribución da xornada, réxime de traballo a quendas, sistema de remuneración ou as funcións a desempeñar polos traballadores e traballadoras.


A redución masiva de salarios reducirá o consumo e agravará a crise; a implantación da flexibilidade precarizará aínda máis as condicións laborais e incrementará os despedimentos. Din que é un acordo polo emprego, pero xerará máis paro, pobreza e precariedade. Simplemente as cúpulas do sindicalismo español venderon aos traballadores e traballadoras.