5 de abr. de 2017

Avaliación preacordo convenio: Non retrocedemos, avanzamos cara a retagarda

Finalmente e despois da nosa solicitude formal, a patronal enviou copia do “preacordo”. Pasamos pois a facer unha avaliación, pendente da redacción definitiva:

Contratos anteriores ao 18 xuño 2010: Contrastado nas distintas empresas a nivel galego, non hai contratos anteriores a esa data; xa foron practicamente todos transformados a indefinidos con anterioridade. Esta medida que proclaman como positiva, en realidade non significa nada.

Subir ao 50% o número de persoal indefinido en 2019: Salvo nunha empresa en Ourense (Unitono), o número de contratos indefinidos a nivel galego xa está situado no entorno do 65% de media, polo que esa media tampouco terá ningún impacto. Con todo, o preacordo permite un 50% de contratos temporais e ademais permite a utilización de ETT’s, polo que non pon freo á temporalidade.

Cambio de empresa prestación servizos: Que a “Bolsa de emprego” sexa efectiva, dependerá da redacción definitiva no texto que se acorde.

Quendas (Artigo 26): Crear máis quendas implica maior flexibilidade a favor das empresas e maiores dificultades para conciliar, xa que, ademais, o preacordo habilita ás empresas a cambiar as quendas do 20% do persoal cunha semana de antelación. Horarios que serán rotativos, o cal dificulta a conciliación.

Distribución irregular da xornada: Redúcense de 11 a 8 os días que se podían traballar sen descanso, o cal é positivo.

Protección embarazadas: A única medida é incrementar os descansos ao longo da xornada laboral: para xornadas de 6 a 8 horas, descanso 40 minutos; xornada superior a 8 horas, 1 hora. Unha medida insuficiente.

Dereitos sindicais: Pactan poder ceder horas sindicais e acumular nunha mesma persoa, co obxectivo de poder liberar en cada empresa. Unha medida que entendemos negativa, xa que na CIG defendemos un modelo participativo.

Incrementos salariais: Tal e como advertimos, levará a unha perda de poder adquisitivo inmediata (polo importe dos atrasos do 2016 que dan por perdidos):


2017: Os salarios subirán un 1,6%; se o IPC supera esa porcentaxe (no mes de marzo foi do 2,3%), suporá unha nova perda de poder adquisitivo.

En canto aos anos 2018 e 2019, preferimos agardar ao redactado final antes de pronunciarnos, xa que o texto nada que ver co que expresaron verbalmente na mesa.

En resumo: Non avanza na estabilidade do emprego, perderemos poder adquisitivo e habilita un maior poder para as empresas en materias sensibles coma os horarios.


Ningún comentario: