13 de mar. de 2017

ILP: Queremos atención en galego, queremos traballo aquí

A Mesa Pola Normalización rexistrou unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), que xa foi admitida a trámite polo Parlamento Galego. Unha iniciativa para a que conta co apoio das representantes da CIG na nosa empresa.

É un paso máis dentro da campaña que iniciamos hai un ano co lema “Queremos atención en galego, queremos traballo aquí”. O obxectivo é conseguir o número de firmas necesarias para que esta iniciativa se debata no Parlamento e poda ser aprobada.

Garantir o dereito da clientela de todas as empresas a ser atendida en galego implica crear postos de traballo nos Centros de Chamadas en Galiza, evitando a deslocalización cara a terceiros países.

  • A ILP busca garantir o dereito básico das persoas a ser atendidas en galego se así o requiren.
  • O dereitos das empresas a etiquetar en galego (xa que houbo sancións a empresas por este motivo).
  • Que as Administracións que subcontraten, garantan o uso do galego nas mesmas condicións que o castelán. Hai Administracións galegas que teñen os servizos de atención telefónica subcontratados fóra de Galiza, grazas a que non atenden en galego.
  • Queremos que a propia Xunta de Galicia realice campañas de concienciación social. Canta máis xente pida atención en galego, máis emprego creará o sector.
Como podes colaborar? Nos vindeiros días as delegadas e delegados da CIG faremos unha recollida de sinaturas na empresa.

Ademais, se queres botar unha man para recoller sinaturas da túa familia, amizades, etc., ponte en contacto con calquera delegada/o da CIG.



Ningún comentario: