2 de feb. de 2017

Por qué defendemos o CONVENIO GALEGO

Os sindicatos ás veces somos adversarios (nas eleccións sindicais), aínda que sempre deberiamos ser aliados. Por iso nunca entramos en “guerras”. Pero ante a nota “cuñadísimos” da UGT, parécenos importante un debate de ideas, enriquecedor para o movemento sindical no seu conxunto.

En primeiro lugar, non podemos aceptar argumentos económicos utilizados pola UGT, que na práctica parten do sector de Contact Center coma low-cost. No crecemento e implantación dos Call Center, que é un sector que precisa moita man de obra, inflúen moitos factores: dende a capacidade de innovación tecnolóxica por parte das empresas, a posta en marcha de infraestruturas axeitadas por parte das Administracións públicas para a implantación dos centros, ata a propia lexislación dos Estados (evitando por exemplo a deslocalización cara a terceiros países), etc.

Por iso, na nosa defensa dos postos de traballo imos máis alá; por exemplo, coa campaña para garantir o uso do galego, coa campaña para que se cree unha mesa coa presenza da Xunta, as empresas e os sindicatos, etc. Preocúpanos dar estabilidade ao sector, e iso non se consigue con baixos salarios, coma demostra o número de postos de traballo deslocalizados a terceiros países. As veces tamén sufrimos deslocalizacións internas no Estado derivadas de visións centralistas, ou da creación de centros con apoio público (por exemplo a León durante o Goberno Zapatero).

O Convenio de Contact Center é estatal, a lexislación prevé distintos ámbitos de negociación (empresa, provincial, etc.). Xa dende o franquismo, as patronais e a dereita (coma na última reforma laboral do PP) queren convenios estatais.

Na negociación dos convenios, canto máis próximo é o marco, maior participación e, polo tanto, maior é a forza dos sindicatos nas mesas. A conflitividade nos convenios estatais, no que negocian e toman decisións as cúpulas sindicais, é menor (de aí a aposta pola centralización por parte da dereita). Ademais, como destacan a maioría dos expertos, achegar a negociación aos ámbitos máis próximos permite unha maior adaptación á realidade socioeconómica.

Na CIG defendemos o Marco Galego de Relacións Laborais coma un medio para o desenvolvemento económico e social de Galiza, para crear emprego e riqueza no país. No noso caso, defendemos un Convenio Galego por entender que sería o ámbito que garante as mellores condicións laborais, combinado coas medidas arriba expostas para dar estabilidade ao emprego.

A nosa posición é clara. Non parece así a da UGT, que nega o noso dereito a un Convenio Galego, cando o defende a nivel vasco ou catalán. Como podedes ver aquí: http://ccaa.elpais.com/ccaa/2017/01/17/paisvasco/1484674759_705616.html

Por último, hai un dato empírico: a nivel galego, as empresas onde a CIG ten maioría nos Comités de empresa, son as que máis medraron en emprego durante a crise.


Ningún comentario: