23 de xan. de 2017

26 de xaneiro: FOLGA e manifestación

Poder poñer a calefacción é un problema para moitos e moitas de nós ou as nosas familias. En realidade é un problema vivir cos salarios conxelados (entramos no 3º ano así) mentres sube a luz, a alimentación, a vivenda..., e din que os prezos subirán máis este ano. Pero a patronal permanece insensible ante as xustas demandas do persoal.

Para eles, o principal é que medren os seus beneficios e os das grandes empresas que son os seus clientes.

Para nós, é poder vivir con dignidade, poder facer xestos tan sinxelos coma prender a calefacción cando vai frío ou encher a cesta da compra calquera día do mes.

Por iso, e despois de escoitar á patronal dicir que como subirán os prezos, teñen que recortarnos os salarios, non queda outra que unha nova xornada de loita.

Temos dignidade, non permitiremos que nos cuspan na cara, e obrigarémolos a negociar unha suba salarial xusta.

A CIG é un sindicato de combate fronte aos abusos, por iso nos dotamos dunha Caixa de Resistencia que se nutre cunha parte das cotas de afiliación. En casos de xornadas de folga, as persoas afiliadas teñen dereito a cobrar da Caixa de Resistencia. É un instrumento para que as patronais non podan vencernos en conflitos longos coma o que se aveciña no sector. Se queres información ao respecto ponte en contacto con calquera delegado/a. Únete a nós para resistir colectivamente.

Ningún comentario: