10 de mar. de 2016

Por un convenio xusto. Móvete polos teus dereitos, loitemos polo noso

O convenio colectivo é a base da relación laboral e debe manter un marco de estabilidade para que as empresas non exerzan un abuso de poder. Só a través do convenio podemos acadar melloras que salvagarden os intereses da clase obreira.

Dende o comezo da negociación, en febreiro de 2015, as propostas da Patronal dirixíronse cara un empeoramento das condicións de traballo completamente inxustificable:

AUMENTO DA FLEXIBILIDADE HORARIA: querían eliminar as bandas horarias e, en xeral, toda norma que obrigase a regular dalgún xeito o tempo de traballo.

RECORTE SALARIAL
: pretenden que os salarios teñan unha parte fixa e outra variable ligada á produtividade. Un sistema perverso: por un traballo certo (o que nos mandan facer e facemos) recibiremos un salario incerto(dependerá dun incremento da produtividade que non depende de nós).

EMPEORAMENTO DA NOSA SAÚDE: Como importan máis os beneficios que a saúde das persoas, propoñen reducir pausas PVD, reducir horas médicas e eliminar a retribución nos primeiros días de baixa.

Ademais destas cuestións, plantexan moitas outras que supoñen un atentado as condicións laborais: aumento a dous anos do período de proba, contratación en prácticas, aumento do tempo para ascenso a teleoperador/a especialista, eliminar as horas non retribuídas de acompañamento a fillas ou fillos... Todo o que se ceda agora non o recuperaremos. Por iso é importante demostrarlle ás empresas que non consentiremos que se asine un convenio no que perdamos dereitos.

Dende a CIG, despois das mobilizacións que realizamos ao longo do pais e dos paros convocados, temos decidido seguir dando pasos. No caso de que as propostas da patronal non avancen cara un marco de estabilidade e respecto ós dereitos das traballadoras e dos traballadores, seguiremos no conflito e dirixirémonos ao resto de  sindicatos para tratar de acordar accións conxuntas.

O momento económico para as empresas do sector é inmellorable, xeramos riqueza para as empresas, para os seus accionistas e para a súa clientela. Neste Convenio temos que esixir o que nos gañamos día a día co noso esforzo e traballo, nada "por riba das nosas posibilidades", loitemos polo noso.



Ningún comentario: