16 de mar. de 2016

440 días sen convenio

Levamos máis de 14 meses dende o inicio da negociación do Convenio, sen que houbese avances pola intransixencia da patronal. Na reunión do 15 de marzo pediu que cada quen puxera as súas propostas irrenunciables por riba da mesa para comezar a negociar. Teremos que dar un paso máis no conflito.

Toda persoa que traballa debería ter dereito a un salario que lle permita vivir dun xeito digno, tamén nos centros de chamadas. Pero as teleoperadoras e os teleoperadores estamos dentro do que a Unión Europea clasifica coma “traballadoras/es pobres” polos salarios que percibimos.

Damos a cara por grandes multinacionais que presumen de beneficios multimillonarios, as empresas de telemárketing incrementan a facturación e os beneficios. Pero cos salarios que nos pagan non podemos vivir. Aínda por riba pretenden utilizar o Convenio para afondar na desigualdade pagándonos menos e incluso a costa da nosa saúde.

Co que gañamos co noso suor, non podemos permitirnos unha vivenda digna. Cantas de nós temos que compartir piso?

Aínda así moitas das persoas que traballamos neste sector temos dificultades para chegar a final de mes, e iso que vivimos de xeito austero negándonos calquera “luxo”.

Os horarios e quendas que nos impoñen dificultan a nosa vida persoal e familiar, coartando a posibilidade de exercer coma nais e pais.
Malia tratarse de empresas moi feminizadas e con moito persoal con cargas familiares, non permiten conciliar. Ademais ningunha ten garderías, obrigándonos a buscar quen poda quedar coas nosas fillas e fillos.

Non temos dereito a poñernos enfermas, moitas veces incluso por culpa do traballo. As empresas despiden persoas enfermas amosando a súa falta absoluta de humanidade.

Hai quen pensa que por vender o noso traballo, tamén vendemos a nosa dignidade como persoas. Mandos incapaces utilizan o insulto, a descualificación e o acoso de xeito habitual.

Señores da patronal iso é o que vivimos día a día mentres vostedes enchen os petos. A avaricia é un defecto, non unha virtude e un sistema que se rexe pola mesma é inxusto. Por todo isto, e xa que non queren negociar, daremos un paso máis no conflito.

Ningún comentario: