17 de dec. de 2015

Nova concentración reclamando un Convenio Xusto

Na mesa negociadora a patronal ACCE, cunha actitude prepotente e despois de meses de negociación sen avances, fixo unha proposta que “raia o neo-escravismo”.

Pretende establecer unhas franxas horarias de 12 horas diarias, os 7 días da semana, podendo alterar os horarios diariamente. Unha proposta aínda máis lesiva se temos en conta que no sector o 70% do persoal ten contratos temporais e abondan os contratos a tempo parcial por 20 ou 30 horas semanais. A súa proposta tería encaixe na “flexibilidade laboral” aprobada polo PP na reforma laboral.

Na práctica o persoal tería que estar a disposición da empresa 84 horas semanais, para acabar traballando e cobrando 20 ou 30, os días e ás horas que lle veña ben á empresa.

Os ingresos do persoal do sector están por baixo da marxe do que se considera estatisticamente “traballadoras e traballadores pobres”, as grandes empresas e multinacionais (e incluso administracións públicas) pretenden abaratar custes recorrendo á explotación mais miserable.

Ante isto dende CIG, sindicato maioritario no sector a nivel galego, temos convocado mobilizacións de protesta diante das dúas maiores empresas do sector en Vigo, para reclamar a abolición da escravitude das empresas de telemárketing e das grandes corporacións.

Concentración este xoves ás 11:30 diante de Unísono e as 12:30 diante de Bosch

Ningún comentario: