2 de dec. de 2015

Escravistas do século XXI: queren que traballemos sen horarios á súa disposición

Na reunión do 1 de decembro, a patronal fixo propostas en materia de bandas horarias, basicamente alongando as mesmas, acompañadas de flexibilidade horaria:
·   Pretenden crear unha banda horaria das 9 da maña ás 21:00 horas, sen quendas fixas, é dicir, un día podes estar de mañá e outro de tarde.
·   Para o persoal a xornada completa din que non se cumpre a xornada máxima anual, algo que en primeiro lugar é incerto. A fixación das quendas, como computan os festivos ou as vacacións, fai que todos os anos haxa xente que supera a xornada máxima anual. Pero con ese argumento falaz propoñen un horario flexible sen respectar quendas, pretenden que a empresa diga cando tería que traballar (un día de tarde, outro de mañá; un día si, outro non, etc).
Estamos ante a lei da selva, sen que o persoal coñeza o seu horario para organizar a súa vida, deixando que a empresa caprichosamente diga cando traballamos e cando non.
O peor é que despois de meses de negociación a patronal actúa deste xeito prepotente, sen dúbida grazas á “pax imperial romana” que se respira a nivel estatal.
Machúcannos día a día nas empresas, somos traballadores/as pobres e as direccións veñen ás reunións con propostas para explotarnos máis e aquí non pasa nada? En Galiza pasa!!! O 10 de novembro na Coruña a CIG iniciou un calendario de mobilizacións que continuará o vindeiro 17 de decembro en empresas de Vigo.
Correspóndenos aos delegados/as dar a cara en primeiro lugar pero, se a patronal non retira as súas propostas escravistas, o conflito irá a máis e a CIG convocará paros e folga sectorial.

17 de decembro novas concentracións da CIG

Pola abolición do escravismo do século XXI

Ningún comentario: