3 de nov. de 2015

A patronal rise de nós

Na reunión de negociación do convenio do 3 de novembro, quedou claro que a única intención da patronal nesta é rir nas nosas caras.

Hoxe falamos sobre o artigo 17, que permite despedir por diminución no volume da obra contratada segundo a antigüidade. Para a patronal isto non é suficiente e, ademais, solicita que aparte da antigüidade tamén se teñan en conta o perfil e produtividade do/da axente; é dicir, poder despedir xa a quen lle veña en gana.

Dende a CIG negámonos en rotundo a semellante proposta, e continuamos defendendo a eliminación completa do artigo 17 do convenio, que só serve para facilitar despedimentos colectivos a marxe das garantías previstas na lexislación básica para estes casos.

Tamén se falou na mesa sobre o artigo 18, sobre a subrogación do persoal en caso de cambio de empresa de Contact Center na prestación de servizos a terceiros. Aquí a patronal vai un paso máis alá: pretende que as empresas poidan intercambiar informacións dos traballadores/as tales como historial e produtividades. Ante a negativa rotunda da parte social, indicaron que pasarán unha proposta de redactado máis axeitada.

Neste senso a CIG reclamamos que, de producirse un cambio na empresa de Contact Center na prestación de servizos, deberase contratar ao 100% do persoal que estaba traballando nesa campaña nas mesmas condicións laborais que se gozaban, e por suposto respectando ante todo a privacidade dos datos dos traballadores/as.

Na vindeira reunión do 19 de novembro falaremos de horarios e tempo de traballo.

Pero o inmobilismo das Direccións das empresas na mesa, contrasta coa dura realidade que vivimos día a día nas empresas. Cada vez a carga de traballo é maior; os ritmos de traballo son unha auténtica explotación; as sancións e despedimentos están a orde do día; e o menos prezo aos traballadores/as chega ao límite do acoso laboral Fronte a esta realidade os sindicatos de obediencia estatal, apostan pola resignación, dende a CIG arrancamos xa cunha primeira concentración reclamando un Convenio Digno, o vindeiro martes 10 de novembro ás 11:30 horas diante da empresa Extel.

Primeira concentración por un convenio xusto
10 novembro na Coruña!!!
 

Ningún comentario: