22 de out. de 2015

Continuamos sen avances na negociación do convenio


A piques de cumprirse un ano da constitución da mesa de negociación do Convenio Colectivo, continuamos sen avances na negociación.
Dende o primeiro momento, a patronal manifestou a súa determinación para conseguir un novo convenio, que sexa máis flexible e máis precario.
Esta actitude cacique da patronal levounos a escoitar propostas tan disparatadas como insultantes para os traballadores e traballadoras:
  • Cumprir a xornada anual de 1.764 horas eliminando a referencia á xornada semanal de 39 horas.
  • Durante os tres primeiros días de baixa por Incapacidade Temporal, non recibir ningún complemento salarial.
  • Reducir á metade o número de pausas PVD.
  • Axustar as horas retribuídas para ir ao médico/a, en función da xornada e da antigüidade do traballador/a.
  • Non alcanzar a categoría de teleoperador/a especialista ata levar 3 anos no posto.
  • Non limitar a contratación a través de ETT e engadir ademais os contratos formativos, tanto para persoal de estrutura como para o persoal de operacións.
Por se estas propostas non fosen xa bastante noxentas, na reunión de hoxe tamén achegaron novas “ideas” para seguir coa precariedade do sector:
Propoñen aumentar a porcentaxe de contratación indefinida do persoal de operacións ata do 40% ao 50%, pero deixan claro que o persoal de ETT non se tería en conta para facer este cálculo. É dicir, unha empresa que teña contratadas directamente pola empresa a 100 persoas e a 80 por ETT, só tería que facer indefinidas a 50 persoas.
Por suposto a patronal négase rotundamente a limitar no convenio a contratación a través de ETT, e como esmola din que aceptarían que o 50% do persoal teña contrato con xornada completa, cousa que entendemos que, nin por asomo, é suficiente.
Con respecto ao persoal que leva máis de 4 anos con contrato por obra e servizo, contratos anteriores ao actual convenio, a patronal contemplan ir transformando estes contratos en indefinidos pero pouco a pouco, un máximo de 5% ao ano.
Hai que rematar coa prepotencia que está amosando a patronal. Dende a CIG sabemos que a resposta ten que ser visible. Por iso comezaremos facer concentracións nas distintas empresas do país. Non imos consentir que se pisen, aínda máis, os poucos dereitos que temos.

Ningún comentario: