2 de out. de 2015

A patronal quere aumentar a precariedade na contratación

Continuando coa liña mantida pola patronal durante todo o proceso de negociación, non é de estrañar que na reunión da Mesa do convenio do día 1 de outubro, manifestasen as súas intencións de precarizar, aínda máis, o sector dos Centros de Chamadas.

Neste senso, a patronal propón modificar o artigo 14, referente á contratación do persoal de operacións, introducindo novas modalidades de contratación como os contratos en prácticas e de formación, alegando que debemos adaptar o redactado actual do convenio ás novas reformas laborais.

Semella que a patronal non considera xa bastante “flexibilidade” o feito de poder realizar contratacións de posta a disposición (ETT), por obra ou eventuais. Non debe ser suficiente con que o 60% do persoal das empresas de Centros de Chamadas non teña un contrato indefinido malia levar, incluso, máis de 5 anos traballando.

Dende a CIG reivindicamos que o persoal debe ter contrato fixo; o sector dos Centros de Chamadas non se pode seguir considerando unha actividade en vías de consolidación. Ademais solicitamos que se limite a contratación temporal, nunca a través de posta a disposición, só a determinadas casuísticas: substitucións por vacacións ou baixas de longa duración, ou novas campañas cunha duración inferior a 6 meses. Os contratos de formación ou prácticas non teñen ningún tipo de xustificación no noso sector.

Na nosa opinión a postura da Patronal debe ter unha resposta contundente, non poden manifestar claramente a súa intención de explotar cada vez máis ao persoal e irse “de rositas”.

Na vindeira reunión do 19 de outubro volveremos a falar de contratación e de tempo de traballo.

Ningún comentario: