15 de xul. de 2015

Máis produtividade ao menor custe posible

Dende CIG vimos denunciando a actitude déspota e escravista da patronal que, o único que pretende é reducir os poucos dereitos que temos os  traballadores e traballadoras do sector, para seguir aumentando os seus beneficios.

Na reunión de negociación do 14 de xullo, a patronal volveu a reiterarse na súa teima de "máis produtividade co menor custe". Piden que se elimine do convenio o complemento durante os 3 primeiros días de baixa por incapacidade temporal, é dicir, se caes enfermo/a, ou vas a traballar, ou quedas na casa sen dereito a percibir nin unha mínima porcentaxe do teu salario. Ademais insisten en que a aplicación desta medida tamén axudaría a reducir o absentismo nas empresas.


Dende a CIG manifestamos o noso absoluto rexeitamento ante esta proposta, as empresas non poden seguir gañando cartos a costa da nosa saúde. Defendemos que este tipo de medidas non fomenta acabar co absentismo, senón que incluso pode chegar a aumentalo. É ridículo que a estas alturas as empresas segan pensando que a xente pode permitirse "poñerse mal a propósito" a cambio dun salario mísero.
Por outro lado a patronal tamén quere que se definan, especificamente, como faltas graves ou moi graves os seguintes supostos:

  • Colgar unha chamada para desfacerse de un cliente.
  • Poñer en consulta a un cliente de xeito non apropiado.
  • Non atender unha chamada.
  • Tratar ao cliente de forma incorrecta.

Nesta cuestión tamén nos pronunciamos contrarios á proposta da patronal. O actual redactado do convenio xa é suficiente para que as empresas poidan corrixir con sancións  comportamentos inadecuados. En todo caso consideramos que habería que delimitar máis os motivos polos cales as empresas poden impoñer sancións.

A vindeira reunión será o 9 de setembro onde se expoñerán os puntos máis conflitivos do convenio para intentar achegar posturas.

Dende a CIG consideramos inadmisible que o sector continúe precarizandose, e seguiremos defendendo a nosa plataforma, baseada nas propostas e demandas do persoal  do sector na Galiza.

Ningún comentario: