17 de abr. de 2015

Atento pecha un servizo sen motivo e despide a 17 traballadoras/es da plataforma da Coruña

O pasado venres a empresa comunicaba o despedimento a 17 traballadores/as, alegando motivos organizativos, ao deixar a plataforma da Coruña de prestar o servizo 11822 (servizo de directorio), que a partir de agora será atendido unicamente polas plataformas de Valencia e Tánxer. A razón desta decisión, segundo a empresa, débese a ausencia de chamadas, polo que proceden a reordenar o servizo. Unha motivación que cuestionan dende o Comité ao tempo que critican a negativa de Atento a recolocar noutros departamentos a este persoal. 

A este respecto, Carlos Brañas, membro do Comité pola CIG, relacionaba esta decisión coas numerosas denuncias presentadas pola parte social diante da Inspección de Traballo a causa de elevadísima carga mental que padecen os traballadores e as traballadoras. Porén, a única resposta da empresa foi, sen previo aviso, suprimir este servizo na Coruña amparándose nunha suposta ausencia de chamadas. “Sen motivo pechan o servizo e despiden a todo o persoal que ten relación co 11822: teleoperadores/as, auditores/as e administrativos/as”, explicaba.

Xunto a isto, o Comité reitera as denuncias contra a política de acoso e presión ao persoal, cambios de quenda e xornada, e os continuados despedimentos por coller baixas médicas de curta duración. Baixas, insisten dende a Sección Sindical da CIG, que en moitos casos son provocadas polas condicións laborais que a propia empresa impón. Esta situación, que a representación sindical leva meses denunciando, afecta a todos os departamentos de Atento na Coruña. 

Folga de 24 horas o vindeiro luns
 
Para rexeitar estes despedimentos e o peche do servizo, o Comité convocou este martes paros de 1 hora por quenda de traballo con concentracións. Na protesta da mañá, os traballadores e traballadoras de Atento recibiron o apoio dos compañeiros e compañeiras das contratas e subcontratas de Telefónica (que se encargan das instalación e mantemento das liñas e redes) que están en folga indefinida dende o martes. 

Ademais, o vindeiro luns, 20 de abril, está convocada unha xornada de folga de 24 horas e unha manifestación que sairá ás 20 horas de diante das oficinas de Atento na rúa Juan Flórez

Ningún comentario: