9 de mar. de 2015

CCOO e UGT ceden ante as patronais: Desligan a suba salarial da suba dos prezos

O proceso de participación aberto pola CIG para a confección da Plataforma reivindicativa, foi enriquecedor. O punto que tivo unha maior valoración por parte do persoal, foi a reivindicación de ligar a suba salarial á suba real dos prezos. Desgraciadamente, a día de hoxe, CCOO e UGT xa cederon nesta cuestión e aceptaron, con carácter xeral, que non suban os salarios en consonancia coa suba do custo da vida.

As negociacións de todos os Convenios de carácter estatal, están paradas a expensas do que denominan “Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva” que negocian, dun xeito excluínte, os sindicatos centralistas e as patronais con sede en Madrid. Nese senso xa houbo unha cesión previa por parte de CCOO e UGT que afectará a todos os Convenios, incluído o noso: os salarios non subirán en consonancia coa suba do custo da vida. Unha decisión inxusta nun sector que non padece a crise e que ademais, dende un punto de vista económico, lastrará consumo e demanda interna e, polo tanto, a reactivación económica.
Esta situación de parálise á espera dese Acordo Interconfederal, explica que na reunión da mesa do Convenio dos Centros de Chamadas do 2 de marzo, a patronal impuxera un modelo de negociación co obxectivo de alongala o máximo posible, enredando con posturas maximalistas (ampliar a xornada semanal a 48 horas, ampliar a xornada irregular, ampliar as bandas horarias, etc.). Desgraciadamente, o resto da represen-tación sindical dixo estar disposta a falar da modificación das bandas horarias. A CIG segue mantendo que é preciso reducir xornada e eliminar a xornada irregular, tanto para facilitar a conciliación como para crear emprego.
A vindeira reunión da mesa negociadora será o 18 de marzo, sen que se agarden moitos avances.

MOBILÍZATE coa CIG “Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos” o vindeiro 10 de marzo:
FERROL: Manifestación nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.
A CORUÑA: Manifestación, 20.00 horas, dende a Praza de Vigo.
COMPOSTELA: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
LUGO: Manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.
OURENSE: Asemblea de delegados/as no edificio sindical (Parque de S. Lázaro) e manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.
PONTEVEDRA: Asemblea de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00 horas.
VIGO: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas.

Ningún comentario: