19 de feb. de 2015

A patronal considera que non traballamos o suficiente

Na derradeira reunión de negociación do Convenio celebrada o 11 de febreiro, a patronal presentou a súa plataforma, que se centra en recortar, aínda máis se cabe, os nosos dereitos.

Eliminar as xornadas de 39 horas semanais
A patronal pretende que a única xornada válida sexa a anual, e garantir que todos os traballadores e traballadoras fagamos as 1.764 horas ao ano.
Neste senso, dende a CIG manifestamos a nosa postura en contra deste tipo de medidas, xa que consideramos que ante todo hai que fomentar a conciliación da vida persoal e laboral, para o que solicitamos que se estableza una xornada máxima semanal de 35 horas (sen perda salarial).

Eliminar a retribución durante os tres primeiros días de baixa por I.T.
Dende a patronal non están conformes con que durante os tres primeiros días de baixa médica os traballadores/as percibamos o 70% do salario, e por iso a súa intención é eliminar esta retribución do convenio.
Na CIG defendemos que o máis importante é a saúde dos traballadores e das traballadoras, polo que este tipo de medidas non ten cabida nunha negociación.

Reducir as pausas PVD
A patronal quere que collamos as pausas PVD de 5 minutos cada dúas horas, reducindo así o número de pausas das 8 actuais a 4.
A proposta da CIG neste senso é que se amplíe a duración das pausas segundo o establecido na lexislación vixente e, por suposto, manter unha pausa PVD por hora traballada. As pausas teñen como fin a protección da nosa saúde, polo que non cabe a posición da patronal pretendendo recortar custes a toda costa.

Ascenso a teleoperador/teleoperadora especialista aos 3 anos
A patronal pretende eliminar a posibilidade de facer unha carreira profesional no sector e por isto, quere atrasar o ascenso automático a teleoperador/a especialista ata que o teleoperador/a leve 3 anos de traballo efectivo na empresa.
Dende a CIG defendemos a creación dunha carreira profesional no sector incluíndo novas categorías profesionais:
  • Teleoperador/a de 1a, que será alcanzada de xeito automático cando un teleoperador/a especialista leve 2 anos prestando servizo, cun incremento do 4% do salario.
  • O teleoperador/a de 1a ascenderá automaticamente a xestor/a aos 3 anos.
  • Xestor/a de 1a, que será alcanzada de xeito automático cando un xestor/a leve 2 anos prestando servizo, cun incremento do 4% do salario.
Ademais, solicitamos que desapareza a Comisión de Carreira Profesional constituída pola patronal, CCOO e UGT, por non ser operativa.

Aumentar o período de proba a 60 días
A patronal quere aumentar o período de proba dos 30 días actuais a 60.
Neste senso, na CIG estamos totalmente en contra deste tipo de medidas que fomentan a precariedade laboral e que consideramos completamente innecesarias no sector.

Axustar o permiso de 35 horas médicas anuais en función da antigüidade e xornada de cada traballador ou traballadora.
A proposta da patronal consiste en reducir o número de horas de permiso retribuído para asistir a consultas médicas, en función da xornada de traballo e da antigüidade na empresa.
Na plataforma da CIG reivindicamos aumentar este permiso a 42 horas, e incluír as de acompañamento a consulta médica para fillos/as menores de 14 anos, ascendentes maiores de 65 e persoas dependentes.


Fóra da presentación da plataforma da patronal, o outro tema de debate na reunión foi o ámbito funcional do convenio, onde dende a CIG defendemos unha modificación que mellore o actual redactado e poder evitar así que as empresas exterioricen tarefas e procesos fóra do sector do Contact Center.

A vindeira reunión fica convocada para o 2 de marzo, onde se valorarán as propostas de redactado ao artigo 2 do “Ámbito Funcional” e ademais se continuará falando sobre “Xornada e tempo de traballo” e na que, dende a CIG, seguiremos defendendo os nosos dereitos a través das vosas propostas.

Ningún comentario: