20 de maio de 2013

Traballadores/as de Teleperformance maniféstanse até as oficinas de Gas Natural Fenosa en contra dos despedimentos


Esixen que a eliminación de Unión Fenosa Comercial non repercuta nos niveis de emprego da plataforma da Coruña
Traballadoras e traballadores de Teleperformance manifestáronse este xoves dende as oficinas da empresa no Polígono da Grela até as oficinas de atención de Gas Natural Fenosa en rexeitamento aos despedimentos que se están a producir na plataforma da Coruña como consecuencia da decisión da compañía eléctrica de eliminar a comercializadora Unión Fenosa Comercial.
16-05-2013_ManifestacionTeleperformance_008
A marcha partiu ao mediodía día dende o Polígono da Grela ao berro de “Gas Natural decide Teleperformance despide”, “despedidos/as readmisión” ou “moita bolboreta e os galegos coa maleta”, discorreu pola Avenida de Fisterra ante a mirada sorprendida de peóns e condutores/as e algún que outro aplauso solidario, para rematar cunha pequena concentración diante da oficina comercial que Gas Natural Fenosa ten na rúa Fernando Macías.
Con esta nova xornada de protestas, na que tamén estaba convocado un paro de dúas horas, os traballadores/as queren esixir a readmisión dos 43 compañeiros/as despedidos/as na campaña de Gas Natural Fenosa así como do persoal que a empresa está a despedir noutras campañas e servizos para “facer oco” para recolocar a empregados/as de Unión Fenosa Comercial.
A este respecto, dende a Sección Sindical da CIG en Teleperformance lembraron que lonxe das cifras de destrución de emprego dadas pola prensa aos medios de comunicación, serán uns 75 os/as traballadores/as afectados/as pola decisión de Gas Natural de eliminar Unión Fenosa Comercial. Estes despedimentos, critican os delegados/as da CIG, cébanse sobre o persoal con pouca antigüidade (3 anos ou menos), e que, por este feito, teñen máis problemas para defendérense nos tribunais deste inxusto trato.
A estes despedimentos hai que engadir tamén os afectados/as indirectos/as que son todos os demais traballadores e traballadoras que, polo de agora manteñen o emprego porque lles cambian de quendas, horarios, servizos, etc.
Ao remate da manifestación ás portas das oficinas da compañía eléctrica, volveuse advertir que a empresa non está informando a clientela de Unión Fenosa Comercial, que a partir do próximo 1 de xuño pasarán a ter contrato con Gas Natural Servicios, nin do que o cambio poida comportar. Un destes cambios, explican dende a Sección Sindical da CIG, vai ser a imposibilidade de ser atendido en galego no Servizo de Atención ao Cliente, que deixa de ser prestado na plataforma de Teleperformance na Coruña.
Así mesmo, púxose o acento no feito de que cando un cliente chama para contratar o seu servizo á Comercializadora de Último Recurso, na maioría dos casos é desviado fraudulentamente e sen o seu coñecemento para contratar con Gas Natural Servicios no Mercado Liberalizado, e non na Tarifa de Último Recurso onde orixinalmente desexaba contratar. Desde a CIG xa se advertiu que se vai pór en coñecemento do Instituto Galego de Consumo esta fraude.

Ningún comentario: