20 de maio de 2013

Miles de persoas proclaman que “Non queremos ser estranxeiras na nosa Patria. Queremos galego!”



Miles de persoas chegadas de toda Galiza percorreron este 17 de maio as rúas de Compostela, ao berro de “Queremos Galego”, para reclamar que “non queremos ser estranxeiras na nosa Patria”, denunciar os ataques que o noso idioma sofre a cotío –por parte do PP e da dereita máis reaccionaria- e demandar o seu uso social normalizado no día a día das galegas e galegos, garantíndose, cando menos, o cumprimento da legalidade vixente.
Todo parecía indicar, á saída da manifestación, que esta sería masiva. A duración do percorrido e a interminábel ringleira de persoas que ocupaban as principais rúas de Compostela constatábano e a Quintana ateigada até a Berenguela confirmaban que, definitivamente, a mobilización convocada pola Plataforma ‘Queremos Galego’ volvía ser masiva. Nin a chuvia nin o frío deste inverno chegado de novo no mes de maio impediron que miles e miles de galegas e galegos se achegaran á capital de Galiza para demostrar que a lingua segue a ser un dos peares esenciais da nosa identidade como pobo e que non hai climatoloxía adversa abondo que impeda saír a defendela.
A anécdota curiosa viu da man da prensa. Durante o percorrido unha muller comezou a pasear polo medio da manifestación cunha bandeira do PP. Segundo se puido saber estaba contrataba por V Televisión. De feito, xornalista e cámara deste medio de comunicación acompañábana para recoller o momento. Non se sabe se o medio pretendía provocar un apupo xeneralizado das persoas manifestantes e converter este feito en noticia ou se se trataba dunha brincadeira. O certo é que non conseguiu nin enfadar, ni sorprender. Só indiferenza xeneralizada. 
A actriz Isabel Risco foi a encargada de conducir o acto de remate desta data de celebración e reivindicación. Celebración, porque temos lingua e reivindicación porque queremos que sexa respectada. E así o lembrou na súa intervención Carlos Callón, que lamentou que para algúns o Día das Letras Galegas sexa só o 17 de maio, mentres para todas as persoas congregadas na praza e para outras miles e miles máis que non puideron achegarse á capital de Galiza, é todos os días do ano.
Callón lembrou o ataque sistemático que padece o galego no ensino. Un ataque que chega xa até os sinais de tráfico. Como exemplo sinalou os cambios das placas das autoestrada que até o de agora poñían “peaxe” e agora poñen “peaje”.
O portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, en referencia a quen acusa ao nacionalismo de “patrimonializar” a lingua, convidou ao propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a patrimonializar tamén o galego.
Acusou aos medios de comunicación, nomeadamente aos públicos, TVG e Radio Galega, de agochar esta convocatoria, pero pediu un forte aplauso en recoñecemento ás e aos profesionais que están a denunciar a manipulación informativa e a censura que se exerce desde a Xunta a través da dirección do ente e dos servizos informativos.
E lembrou a Rosalía de Castro e, como non, a Roberto Vidal Bolaño, escritor, actor e autor de teatro homenaxeado nesta data polo seu inequívoco compromiso co galego, mais tamén pola súa valía e calidade humana.
Callón reclamou medidas que promovan o uso normalizado do galego porque, afirmou, “non queremos ser estranxeiras na nosa terra”.  

Ningún comentario: