20 de maio de 2013

Mobilización solidaria en Vigo para reclamar o mantemento do servizo de atención telefónica en galego de Gas Natural-Fenosa


Delegados/as da CIG no sector do telemárketing concentráronse ás portas da compañía eléctrica en apoio das traballadoras/es de Teleperphormance
 A CIG-Banca desenvolveu unha concentración diante das instalacións de Gas Natural-Unión Fenosa en Vigo este mércores 15 de maio en solidariedade coas traballadoras/es de Teleperphormance da Coruña e para reclamar o mantemento do servizo de atención telefónica en galego por parte da compañía eléctrica.
2013 05 15 ProtestaGalegoGasNaturalFenosaVigo01
Delegadas e delegados da CIG no sector de telemárketing -en particular das empresas Bosch e Unísono- concentráronse esta mañá de 11.00 a 12.00 horas diante das instalacións nas que Gas Natural Fenosa presta os servizos de atención ao cliente en Vigo, en vía Norte, para “apoiar o conflito aberto no sector na cidade da Coruña” e “sensibilizar socialmente do valor engadido do noso idioma no mantemento dos postos de traballo no sector de atención telefónica”.
Segundo explican dende a federación de Banca, o que sucede en Fenosa non é un caso illado, xa que “gran parte das grandes empresas teñen subcontratada a atención telefónica á clientela sen que estas presten o servizo en galego". Ao mesmo tempo denuncian que en moitos casos pecháronse servizos propios presenciais en Galiza, “deslocalizando postos de traballo”.
Segundo os cálculos da CIG-Telemárketing, se as empresas cubriran a demanda de atención en galego e existira unha maior concienciación social ao respecto en Galiza poderían crearse preto de 3000 postos de traballo a curto prazo. “Temos dereito a ser atendidos/as en galego e ademais exercendo este dereito contribuiríamos a crear postos de traballo”, afirma Laura Pérez Figueroa, responsábel da CIG no sector.
Durante a concentración, ademais de despregar unha faixa reclamando o uso do galego nos servizos de atención telefónica, berráronse consignas en defensa dos postos de traballo e do idioma propio do país como “Unión Fenosa atende en Galego e non destrúas máis emprego”, “Na Galiza en galego”, “Postos de traballo na nosa terra” ou “Falar galego é natural, non aos despedimentos de Gas Natural”.

Ningún comentario: