21 de maio de 2013

Proseguen as protestas contra os despedimentos en Teleperformance A Coruña

Delegados/as e traballadores/as de Teleperformance continuaron este martes co calendario de mobilizacións contra os despedimentos que está a executar a empresa de telemárketing, logo de que Gas Natural decidise eliminar o servizo de atención telefónica de Unión Fenosa Comercial que até agora se viña prestando dende a plataforma da Coruña. Desta volta ás protestas trasladáronse novamente até as portas da oficina principal de Gas Natural Fenosa.
Dende a Sección Sindical da CIG en Teleperformance lembraron que até o momento xa recibiron a carta de despedimento 43 traballadores/as de servizos para Gas Natural Fenosa –que se farán efectivos a finais de maio-; mais denunciaron que a empresa está a despedir tamén a compañeiros/as destinados noutras campañas e servizos, para así poder “facer oco” e recolocar a empregados/as de Unión Fenosa Comercial.

Por iso, os delegados e delegadas da CIG en Teleperformance calculan que serán uns 75 os/as traballadores/as afectados/as pola decisión de Gas Natural de eliminar Unión Fenosa Comercial. E iso sen garantías de que non se produzan novos axustes a medio-longo prazo.

A estes despedimentos hai que engadir tamén os afectados/as indirectos/as que son todos os demais traballadores e traballadoras que, polo de agora manteñen o emprego porque lles cambian de quendas, horarios, servizos, etc.

Ningún comentario: