24 de maio de 2013

Nova concentración contra os despedimentos en Telerperformance

O venres 31 de maio está convocada unha manifestación e un paro de dúas horas
 
Delegados/as e traballadores/as de Telerperformance A Coruña concentráronse este xoves novamente diante dos accesos ao edificio da empresa de telemárketing en rexeitamento aos despedimentos que se están a producir logo da decisión de Gas Natural de eliminar o servizo de atención telefónica que Unión Fenosa Comercial prestaba dende a plataforma coruñesa.
 

Até o momento xa foron entregadas as cartas de despedimento para máis de 40 traballadores/as que até agora prestaban servizos para a campaña de Unión Fenosa Comercial, non está renovando contratos de eventuais e comezou a executar despedimentos “por causas obxectivas” en varias campañas para “facer oco para as recolocacións”.  Ademais outros traballadores e traballadoras víronse tamén afectadas polos cambios de quendas, horarios e servizos. 

Así as cousas, o vindeiro venres, 31 de maio, está convocada unha nova manifestación e un paro de dúas horas, coincidindo coa data na que se farán efectivos os despedimentos. O percorrido da marcha será o mesmo que se realizou na manifestación do pasado xoves: dende as instalacións de Telerperformance até a oficina comercial de Gas Natural Fenosa e con saída ás 12 do mediodía.

Ningún comentario: