Con motivo do paro xeral, e baixo o lema “Ferrol esixe solucións”, haberá manifestación ás 12 horas dende o Inferniño
As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e
USTG de Ferrol veñen de anunciar a convocatoria de Folga Xeral Comarcal
para o mércores 12 de xuño, ante a situación de “emerxencia total” que
sufre Ferrolterra. Con motivo do paro xeral, que as centrais sindicais
agardan sexa un éxito en contra das "nefastas políticas do goberno
estatal e da Xunta", está convocada tamén unha manifestación que partirá
ás 12:00 horas dende o Inferniño e rematará na Praza do Concello.
A convocatoria foi feita pública este luns en rolda de prensa
polos responsábeis comarcais de cada unha das centrais sindicais, que
avanzaron que o paro xeral se desenvolverá baixo o lema “Ferrol esixe
solucións”. A este respecto, o co-voceiro da CIG-Ferrol, Xesús Anxo
López Pintos, apuntou que dende hai dous meses as catro organizacións
sindicais veñen mantendo contactos co obxectivo de artellar unha
resposta conxunta ante a alarmante situación socio-económica que
arrastra a comarca dende a mal chamada reconversión do naval, agudizada
agora polo actual contexto de crise global.
“Ferrol presenta as
peores cifras de desemprego, no último ano pasamos dunha taxa de paro do
16% até o 22%; a maioría das empresas da comarca están afectadas por
expediente de regulación de emprego, entraron en concurso de acredores
ou directamente botaron o peche; os nosos sectores pesqueiros e
agro-gandeiros están en claro retroceso e desaparición; non hai
investimento público nin desenvolvemento das infraestruturas; e aínda
por riba o naval, sector estratéxico para a comarca, atópase na
situación máis complicada da súa historia”, aseguraba López Pintos.
En
canto á grave crise do naval, o co-responsábel comarcal da CIG, lembrou
que, fronte as promesas electoralistas e os anuncios de supostos
pedidos para os estaleiros por parte da Xunta do PP, nos últimos dous
anos xa se perderon máis de 2.000 empregos na industria auxiliar,
nestes momentos non hai nova carga de traballo en carteira e nin sequera
dende o Goberno español e galego se aposta pola construción do dique
flotante como ferramenta de futuro e solución urxente á falta de
actividade.
As centrais sindicais xa están a traballar para que a
folga do próximo 12 de xuño sexa todo un éxito. Para iso, teñen
previsto iniciar unha rolda de contactos con representantes do movemento
asociativo, o comercio e empresarios locais, co obxectivo de solicitar o
apio á convocatoria. Así mesmo, celebraranse asembleas nos centros de
traballo e accións de cara a concienciar á cidadanía das comarcas de
Ferrol, Eume e Ortegal da necesidade de dar unha resposta contundente
contra “as políticas nefastas do estado e a Xunta, que actúan contra o
desenvolvemento de Ferrolterra”, aseveraba Pintos.
“Non nos queda máis que enfrontarnos contra estas políticas e esixir un cambio de rumbo a través da confrontación”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario