11 de xuño de 2013

A CIG de Vigo chama a participar na manifestación comarcal deste mércores para rexeitar políticas que provocan "fame e miseria"


A marcha en defensa do emprego e por unha industria con futuro sae de Vía Norte ás 20.00 h

A Unión Comarcal da CIG de Vigo fai un chamamento á veciñanza a participar este mércores 12 na manifestación convocada en defensa do emprego e por unha industria con futuro fronte ás políticas que condenan a maioría social “á fame e á miseria”. A marcha, que coincide coa folga comarcal convocada en Ferrol, sairá de Vía Norte ás 20.00 horas.

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto ao secretario nacional do Naval, César Rodríguez, e os responsábeis comarcais das federacións de Construción, Servizos e Químicas, para ofecer os detalles da mobilización que percorrerá as rúas da cidade este mércores 12 baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha insdustria con futuro”.

Otero comezou a súa intervención facendo un repaso polas principais cifras que amosan a grave situación económica e de desemprego que padece a comarca viguesa. Neste senso, lembrou que nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade, aínda que insistiu en que os datos superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas.

En canto ao número de afiliacións á Seguridade Social, o secretario comarcal da CIG de Vigo indicou que descendeu en 30.000 persoas dende 2008, cun ritmo de destrución neta de emprego de 5.000 postos de traballo anuais. “Isto fai que a taxa de risco de pobreza sexa cada vez maior na nosa bisbarra, superando xa o 16%, cinco puntos máis que ao inicio da crise”. Ao mesmo tempo, máis do 50% dos fogares chegan con dificultades a final de mes e máis do 12% con moitas dificultades.

Dende a central nacionalista culpan desta situación ás políticas que está a promover a troika (FMI, Banco Central e Comisión Europea) a nivel europeo “e que están a seren asumidas e executadas polos gobernos do PP en Madrid e Galiza”. Segundo denuncian, delas deriva en boa medida o desartellamento produtivo que padece a comarca, “estimándose xa nun 60% o número de empresas e factorías do sector industrial desaparecidas nos últimos cindo anos”.

Nesta liña, lembrou que a CIG leva tempo esixindo unha resposta real por parte das Administracións públicas “para frear a demolición da nosa base produtiva” e reclamando “unha mudanza radical das políticas para garantir o noso dereito a producir e a vivir dignamente do noso traballo”. Aposta tamén por unha intervención pública decidida que sexa quen de sacar o máximo partido ás nosas capacidades produtivas.

A continuación tomaron a palabra os resposábeis das federacións para facer un breve repaso das principais problemáticas que atravesan os distintos sectores produtivos na comarca de Vigo, con especial atención á crise do naval e da construción e a súa posterior repercusion no sector servizos. Diante disto, a CIG é partidaria de convocar unha folga xeral na comarca a finais de xuño ou a comezos de setembro e fai un chamamento a CCOO e UGT a sumarse á iniciativa.

Ningún comentario: