15 de maio de 2013

A CIG convoca asembleas e mobilizacións contra a proposta dun pacto social que suporá máis recorte de dereitos

 
A CIG ten convocadas mobilizacións de delegados e delegadas en distintas comarcas de Galiza, o vindeiro xoves día 16 de maio, con asembleas previas nas que se analizará a situación socioeconómica e laboral, centrando o debate no escenario que se vai crear a nivel de estado ante a convocatoria, para ese mesmo día, dunha xuntanza entre o goberno, a patronal e os sindicatos españois CCOO e UGT, para acadar un hipotético ‘pacto social polo emprego’.
 

As delegadas e delegados da CIG sairán de novo á rúa este xoves, día 16 de maio, para denunciar que o pacto social non é a vía; en demanda de que se muden as políticas antisociais e antiobreiras que está a facer o goberno; para exixir a súa dimisión e para que se abra un novo proceso electoral que posibilite que forzas políticas que estean do lado da clase obreira sexan maioría nos Parlamentos.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que dadas as actuais circunstancias “este é o momento máis inoportuno” para propor un pacto das características do que están a promover os sindicatos españois. Lembra que a CIG é contraria a esa dinámica, logo da experiencia que ten do que foron os pactos sociais asinados até o de agora a nivel de estado. “Normalmente veñen acompañados dunha importante perda de dereitos para a clase traballadoras, ben con medidas de flexibilización das relacións laborais, ben do fomento da contratación temporal ou de medidas para incentivar a contratación temporal”.

Denuncia que so pretexto de favorecer a creación de postos de traballo, até o de agora eses pactos o único que fixeron foi “favorecer o incremento dos beneficios das empresas a custo de que as traballadoras e traballadores renunciaran os seus dereitos”. Alerta ademais de que lonxe de favorecer melloras nas condicións laborais e sociais, o que provocan é a desmobilización da clase traballadora.

A CIG entende que “é un engano que se lle fai de novo á poboación por parte dos participantes nesas negociacións pero, sobre todo, por parte das organizacións sindicais” e que, nestes momentos, o que hai é “mobilizarse para exixir outro tipo de políticas”.

Neste sentido, o secretario xeral afirma que é imposíbel pactar políticas favorábeis á maioría social e que vaian en contra de todas as reformas que se están a ditar, na orde laboral e na orde fiscal, xa que non hai vontade algunha por parte do goberno, nin da patronal de modificalas.

“Transmitir esperanzas en acordos que non son viábeis é unha fraude” asegura, ao tempo que se pregunta “para que, con que finalidade e a cambio de que” se desenvolven estas conversas. “Vaise conseguir que o goberno retire as reformas laborais que fixo, que retire a reforma das pensións, que faga unhas políticas fiscais diferentes para que pague máis quen máis ten, que persiga a fraude fiscal, que faga investimentos públicos para reactivar a economía?”

Seixo conclúe que se non se tratan estes temas, que son os que realmente permitirían reactivar a economía para crear emprego e saír da crise non ten sentido falar de pacto social algún. “É vender fume e sabemos ademais que calquera posibilidade de acordo que asinen as organizacións sindicais neste tipo de  mesas vai pasar por renunciar a dereitos, como ocorreu nos pactos que se asinaron para sacar adiante a reforma das pensións, que supuxo o incremento da idade de xubilación a 67 anos. Unha medida que non supuxo, para nada, favorecer a creación de emprego”.

Mobilizacións convocadas.

•    Santiago de Compostela: ás 12:00 horas, concentración diante da Xunta de Galiza.
•    A Coruña: ás 11:00 horas, concentración diante da Delegación do Goberno.
•    Lugo: ás 12:00 horas, concentración-pitada diante da sede do PP (r/Poeta Ramón Cabanillas).
•    Vigo: ás 11:30 horas asemblea aberta de delegados/as diante do MARCO.
•    Pontevedra: ás 12:00 horas manifestación dende a Praza da Ferreiría até a sede da patronal.

Ningún comentario: