14 de maio de 2013

Delegadas/os sindicais do telemárketing protestan diante de Unísono en Vigo para reclamar carga de traballo na cidade

Dende a CIG denuncian que a empresa vén de presentar un ERE suspensivo que afectará ás 97 persoas ás que se lles propuxo o traslado a Madrid
 
Un grupo de delegadas e delegados sindicais do telemárketing da CIG e da CGT protagonizaron hoxe unha nova concentración ás portas de Unísono en Vigo para reclamar carga de traballo que poña fin aos despedimentos na empresa. Dende a CIG-Banca denuncian que a compañía vén de presentar un ERE suspensivo que afecta ás 97 persoas ás que se lles propuxo o traslado a Madrid para evitar o custe laboral até que non se resolva o conflito colectivo despois de que o Xulgado decretase a suspensión cautelar.
 

A protesta desenvolveuse diante do centro de traballo da rúa Gran Vía 110 de 16.00 a 17.00 horas, tempo no que os afectados/as despregaron unha faixa co lema “Non máis abusos en Unísono” e berraron consignas contra os despedimentos e a precariedade laboral.

Dende a CIG-Banca explicaron que a concentración -que nun principio fora convocada para reclamar carga de traballo para as 97 persoas ás que a empresa lles aplicou un expediente de mobilidade xeográfica- ten por obxecto rexeitar o ERE suspensivo que vén de presentar a compañía de telemárketing.

Neste senso, indican que “Unísono pretende deste xeito que sexa a Seguridade Social a que faga fronte ao custe laboral destes traballadores até que non se resolva o conflito colectivo despois de que o Xulgado decidise a suspensión cautelar do expediente de mobilidade xeográfica”.

Ningún comentario: