14 de maio de 2013

Continúan as mobilizacións contra os despedimentos en Teleperformance

Teleperformance0
Traballadores e traballadoras de Teleperformance concentráronse a primeira hora desta tarde diante das instalacións da empresa no Polígono da Grela para esixir a readmisión das compañeiras/os despedidas/os e a paralización dos despedimentos executados noutras campañas, iniciados logo da decisión de Gas Natural Fenosa de eliminar a atención o cliente da comercializadora Unión Fenosa Comercial dende A Coruña. Un servizo que até agora atendían 105 traballadores/as.



Este mesmo martes, Teleperformance comezou a entregar as cartas de despedimento a 43 traballadores/as, que serán efectivos a partir do 31 de maio, en base ao artigo 17 do convenio colectivo. Porén, dende o Comité advirten que a cifra real de persoal afectado será moito maior, a pesares das declaracións públicas da multinacional asegurando que tentará minimizar o impacto do  traslado do servizo de Gas Natural Fenosa con recolocacións noutras campañas e servizos.
Neste senso, o delegado da CIG, Tino Fernández, subliñou que a empresa non está renovando contratos de eventuais e comezou a executar despedimentos “por causas obxectivas” en varias campañas para “facer oco para as recolocacións”. “A cifra real de destrución de emprego non serán 43 postos como asegura a empresa, senón que se superarán os 70 despedimentos”, denunciou.
O representante do persoal tamén criticou a falta de vontade negociadora por parte da empresa, polo que, se continuará adiante co calendario de mobilizacións acordado. Así, o vindeiro xoves 16, haberá manifestación dende o centro de traballo na rúa Newton Nº 5, pasando pola avenida de Fisterra até a oficina de atención presencial de Gas Natural Fenosa na rúa Fernando Macías. Ademais, para esta xornada está convocada folga parcial de 12:00 a 14:00 horas.

Ningún comentario: