8 de maio de 2013

Concentración de delegados/as de Teleperformance contra a eliminación do servizo de atención a clientes de Fenosa dende A Coruña

A decisión afecta a 105 traballadores/as que prestan servizo para Unión Fenosa Comercial
 
Delegados e delegadas de Teleperformance concentráronse na mañá deste martes diante da sede de Gas Natural Fenosa na Coruña en rexeitamento á decisión da compañía de eliminar o servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial que até o de agora prestaba dende a cidade herculina a través de Teleperformance. 
 

A decisión, apuntan dende o Comité, afecta a 105 traballadores/as que neste momento descoñecen cal vai ser o seu futuro laboral a partir do 1 de xuño, xa que dende Teleperformance non están achegando información ningunha sobre o proceso. Hai que subliñar que na plataforma da Coruña prestan servizos de Atención ao Cliente para Gas Natural Fenosa 311 persoas, dedicadas a varios departamentos.

Neste, senso, a representación do persoal destaca que algúns dos traballadores e traballadoras afectadas levan a traballar para este cliente até 21 anos, “dando un servizo excelente para cos clientes de Gas Natural Fenosa”. E a propia Teleperformance trasladou ao persoal afectado que o Grupo Gas Natural Fenosa está altamente satisfeito co servizo que se presta dende A Coruña, e que ambas as dúas empresas tentarán minimizar o impacto da decisión empresarial sobre do persoal. 

Porén, explican, “a día de hoxe aínda non está concretada ningunha medida que poida garantir os postos de traballo ou minimizar o impacto sobre deles. E, aínda peor, tampouco se descarta que medidas coma esta se tomen no futuro para o resto de servizos que se lle prestan ao cliente”. A única certeza que ten o persoal é que con esta  medida, a empresa fai desaparecer a comercializadora Unión Fenosa Comercial e traslada os/as clientes da mesma a Gas Natural Servicios.

Próximas mobilizacións

-Martes 14 de maio, de 15:00 a 16:00 concentración de delegados/as diante do site de Teleperformance na rúa Newton Nº 5.

-Xoves 16 de maio, manifestación dende o centro de traballo na calle Newton Nº 5 pasando pola avenida de Finsterra até a oficina de atención presencial de GNF na rúa Fernando Macías, 4. Folga parcial de 12:00 a 14:00.

-Martes 21 de maio, concentración de delegados/as de 12:00 a 13:00 diante da sede de GNF na Coruña, no Macuf, na rotonda da Grela.

-Xoves 23 de maio, concentración de delegados/as diante do site de Teleperformance na rúa Newton Nº 5.

Ningún comentario: