10 de abr. de 2013

Convocados paros e folga en Unísono contra a proposta de mobilidade xeográfica de Vigo para Madrid

O Comité de Empresa de Unísono vén de convocar asembleas de traballadores/as e unha primeira xornada de paros o vindeiro 15 de abril, de 9 a 10 horas na quenda da maña e de 5 a 6 na quenda de tarde, tras da empresa presentar unha proposta de mobilidade xeográfica de Vigo a Madrid. Alén diso, o Comité aprobou tamén a convocatoria de dúas xornadas de folga para o 17 e 18 de abril, coincidindo co remate do período de consultas do artigo 40. Medida que será sometida á asemblea de traballadores e traballadoras.
 
A CIG-Banca explica que se unha empresa consegue levar adiante un proceso de mobilidade xeográfica colectiva e os traballadores/as non aceptan o traslado, esta pode despedilos cunha indemnización de 20 días por ano traballado cun tope de 9 mensualidades, máis barato mesmo que en caso de ERE. “Iso é o que persigue Unisono en Vigo”, denuncia a federación.
 
Lembra que desde agosto do ano pasado (data na que rematou a vixencia dun ERE que a empresa non utilizou na súa totalidade) Unísono reduciu o seu cadro de persoal en Vigo, deslocalizando o traballo a outros centros da empresa do resto do Estado e mesmo a Medellín, Colombia. En novembro alegou que finalizara a campaña de soporte técnico de Orange en Vigo, afectando a 61 persoas. En febreiro foron outras 13 persoas de Orange postventa -ambas campañas non remataron tal e como dixo a empresa, continúan en Madrid-. Ademais, tamén en febreiro, despediu a 9 persoas da campaña de Goltv e nesa campaña despediu a outras 24 persoas en Marzo.
 
Ao tempo a empresa estivo transformando en indefinidos contratos temporais recentes para unha nova campaña de ING. “Agora di que o ‘excesivo número de indefinidos’ pon en risco a continuidade do centro de traballo de Vigo”, sinala a CIG-Banca, e como alternativa instou un proceso de mobilidade xeográfica en base ao artigo 40 do ET para 97 persoas que traballan na campaña de Orange -incluído o persoal indefinido antigo-, aos que lle propón un traslado para Madrid ou un despedimento cun tope de 9 meses.
 
Hai escasamente quince días a empresa expuxo que o problema da campaña de Orange era que o 70% do cadro de persoal tiña quenda de maña, cando a carga de traballo estaba repartida. Para evitar medidas traumáticas a CIG propuxo un cambio de quendas voluntario, ao que se acolleron, entre outras, delegadas do sindicato no Comité de Empresa.
 
Todo isto demostra, para a CIG, que Unísono “pretende desfacerse do persoal indefinido máis antigo do centro de Vigo e do xeito máis barato posible, xa que ademais en Madrid a empresa está despedindo a persoal con contrato por Obra de varias campañas alegando baixada de volume de traballo”, denuncian, engadindo que “non habería pois opción real de recolocación para todo o persoal”.
 
A CIG criticou tamén a actuación da multinacional de telecomunicacións Orange. Esta colaborou con Unísono facendo entrega dun escrito que indicaba a intención de dar por rematada a campaña só nos centros de traballo de Vigo, mentres mantén a campaña en Madrid ou Medellín (Colombia).
 
A CIG constatou que Orange levou tamén unha parte pequena da campaña para un call center propio en Oviedo (ofertou 20 prazas a través dun portal en Internet), o persoal de Unísono tería dereito a recolocación alí, pero Orange non comunicou este cambio de empresa na prestación de servizo dun xeito claramente fraudulento.
 
Ante esta situación o Comité de Empresa convocou asembleas de traballadores/as e unha primeira xornada de paros o vindeiro 15 de abril, de 9 a 10 horas na quenda da maña e de 5 a 6 na quenda de tarde.
 
Así mesmo o Comité aprobou a convocatoria de doas xornadas de folga para o 17 e 18 de abril, coincidindo co remate do período de consultas do artigo 40. Medida que será sometida á asemblea de traballadores e traballadoras.
 
Para a CIG a única solución pasa por que retorne o traballo das campañas que Unisono decidiu levarse para Madrid e Colombia, e por suposto que Orange cumpra a lexislación.

Ningún comentario: