10 de abr. de 2013

Atento comunica que vai despedir a 142 traballadoras/es da súa plataforma da Coruña

Un día despois de comunicar o despedimento de 112 traballadores do servizo de Atención de Empresas de Movistar na plataforma da Coruña, Atento Teleservicios informaba ao Comité, pouco antes do mediodía, que ía proceder ao despedimento de 30 traballadores/as máis, neste caso destinados no servizo CAT-Adsl.                
 
A comunicación, explicou o responsábel de CIG-Banca da Coruña, Óscar Calvo, produciuse uns minutos antes de iniciarse a concentración que o Comité tiña convocada en rexeitamento aos 112 despedimentos anunciados na mañá do martes. “Como se non fose abondo, hoxe comunican que van despedir a 30 traballadoras/es máis e alegando a mesma escusa: unha baixada do volume de chamadas”, denunciou.
 
A este respecto, dende o Comité insisten en que esta diminución do volume de chamadas está provocada pola propia empresa, que tería desviado chamadas a outros centros para así poder aplicar o artigo 17 do convenio e proceder a unha importante redución do número de traballadores e traballadoras.
 
Así as cousas, o persoal continúa este mércores co calendario de mobilizacións acordado en contra dos 142 despedimentos, realizando concentracións diante das instalacións da empresa de telemárketing. Ademais, os traballadores/as levaron a cabo un corte de tráfico na céntrica rúa Juan Flórez e posteriormente trasladaron a protesta en demanda da readmisión dos compañeiros e compañeiras afectadas ao interior das oficinas de Atento.
 
As mobilizacións continuarán mañá con novas concentracións ás 12:00 horas e ás 20:00 horas.
 
13-04-10 Atento

Ningún comentario: