9 de out. de 2012

A suba do IPC e do IVE abre a fenda entre salarios e prezos


A CIG rexeitou o Convenio Colectivo de Contact Center por entender que condenaba aos traballadores/as do sector a unha perda salarial. Agora, a suba do IPC (que pechou nun 2,7% en agosto) e a inxusta suba do IVE, aprobada polo Goberno do PP (que levará a un aumento dos prezos nos vindeiros meses), demostran que o Convenio foi un mal amaño.

Co convenio pactado entre a patronal ACCE (que representa ás empresas) e CCOO e UGT, os traballadores e traballadoras estamos condenados a ver reducidos os nosos salarios. Así o advertimos e agora está pasando.

Acumulamos unha perda de 596 euros en dous anos (2010 e 2011) e no 2012 perderemos novamente diñeiro. Traballamos e cada día somos máis probes, o que é especialmente doloso para as persoas con xornadas parciais e as persoas con cargas familiares.

Ante esta situación, a lóxica di que deberíamos negociar melloras salariais noutros ámbitos. Lamentablemente, o convenio tamén leva a prohibición de negociar melloras en marcos inferiores, é dicir, prohibe a negociación a nivel galego ou de empresa. Deste xeito, malia que unha empresa vaia ben, é imposible negociar nela unha suba salarial para compensar a perda de poder adquisitivo.

En todo caso, queremos deixar claro que a CIG está aberta a unidade de acción para reclamar conxuntamente, a nivel sectorial, unha revisión do convenio que garanta a revalorización dos nosos salarios. É unha cuestión de xustiza.

Ningún comentario: