22 de xuño de 2012

A CIG ante o rescate bancario e a intervención do Estado español

As axudas europeas non son de balde. As dirixidas ao sector financeiro implican a necesidade de recortes e axustes, co argumento de que as axudas públicas non poden vulnerar a libre competencia. Deste xeito, recibir axudas implica perder posición no mercado, nomeadamente a través do recorte da rede de oficinas e do emprego.

O rescate europeo da Banca é unha intervención maquillada do Estado español, que implicará ademais perda de soberanía: gran parte das decisións económicas e en materia de supervisión, serán tomadas por eurotecnócratas dende Bruselas. Sen que os cidadáns e as cidadás podamos votar para cambialos, e sen que teñamos dereito a decidir sobre o modelo económico e social no que queremos vivir.

A cidadanía, da que os traballadores e traballadoras do sector financeiro formamos parte, pagará o rescate dos banqueiros (que especularon contra a cidadanía), que non o rescate das entidades nin dos nosos postos de traballo.

Dende a CIG sempre defendemos que o maior problema do Estado español era a situación de quebra técnica do sector financeiro, non só das entidades que aparentemente estaban “mal”, como demostra o caso de Bankia e outras que aparecerán polo camiño. Sen embargo, os responsables políticos optaron pola contrarreforma laboral e por recortes no Estado do Benestar, querendo facer ver que era un problema de déficit público.

O rescate engade impopularidade á banca, con razón, pero desgraciadamente seremos os traballadores e traballadoras quen sufriremos as consecuencias, tanto dende o punto de vista social e da clientela, como polos recortes en materia de emprego e condicións laborais consecuencia do rescate do Estado español.

Que ninguén se confunda, este rescate ten como obxectivo garantir o cobro por parte dos acredores da banca do Estado, nomeadamente os bancos alemáns e franceses. Eles garanten o cobro dos vencementos con cargo a cidadanía do Estado español.

Ante esta situación é preciso a autoorganización dos traballadores e traballadoras, e estar dispostos a dar o combate polo mantemento dos empregos e das condicións laborais.

Non é o momento dos pactos sociais, que implican aceptar os milleiros de despedimentos; é o momento de defender todos e cada un dos postos de traballo. Sacrificar traballadores e traballadoras non implica salvar entidades, como nos ten demostrado o proceso de reconversión dos últimos anos.

Reiteramos, unha vez máis, que as persoas que traballamos nas entidades financeiras temos vocación de servizo á cidadanía, fronte a unhas direccións que só buscan o seu beneficio a curto prazo. Neste senso, se a cidadanía debe pagar os rescates bancarios, debe ser a lexítima propietaria das entidades a través da transformación en banca pública. A mellor garantía dos nosos postos de traballo.

Por último, a cidadanía reclama que os responsables de esta situación paguen as consecuencias. Neste senso, a CIG xunto co sindicato vasco ELA, temos presentado unha denuncia na Sala do Penal do Tribunal Supremo contra os Presidentes do Goberno, Ministros de Economía e os gobernadores do Banco de España. É unha cuestión de xustiza.

Ningún comentario: