12 de xuño de 2012

Publicada a orde de axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

A Secretaría de Muller da CIG informa que acaba de saír publicada no DOG a orde de axudas dirixidas aos traballadores, e mulleres que conformen unha familia monoparental, que durante o pasado ano se acolleron a unha redución da súa xornada laboral para dedicarse ao coidado dos fillos ou fillas menores de 3 anos.
 
As axudas, destinadas á conciliación da vida familiar e laboral e como medida de fomento da corresponsabilidade, serán concedidas aos traballadores por conta allea, ou familias monoparentais, que entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011 se acolleran a unha redución da súa xornada laboral para dedicarse ao coidado dos seus fillos ou fillas menores de 3 anos.

Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos e comprendidos entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2011. En ningún caso o período para o que se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.

Os formularios de solicitude pódense descargar no documento anexo a esta nova, na sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.es) e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade (http://www.mulleresengalicia.es). O prazo para presentar as solicitudes é de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza (DOG do 12 de xuño).

Ningún comentario: