O Comité de Atento A Coruña acaba de informar da interposición de
demanda de conflito colectivo contra a empresa para reclamar a nulidade
das reducións de xornada impostas a preto de 180 traballadores/as que xa
tiñan xornadas parciais. A decisión do Comité veu motivada pola
negativa da empresa a chegar a un acordo durante o acto de conciliación
que tivo lugar este mércores.
A continuación reproducimos o comunicado emitido polo Comité de Atento A Coruña:
O
2 de maio tivo lugar o preceptivo acto de conciliación entre Atento
(filial de Telefónica) e o Comité de empresa, motivado polas reducións
de xornada que a empresa aplicou a principios de abril a preto de 180
traballadores do servizo técnico de banda ancha de Telefónica (CAT
ADSL-1002). Recordamos que Atento reduciu inxustificada e unilateralmente as xornadas
dos traballadores/as afectados até en 5 horas semanais, o que equivale a
unha baixada salarial duns 100 euros ao mes nuns salarios que roldan os
800 euros mensuais.
O Comité de empresa volveu esixir a retirada
da medida a Atento por tratarse de reducións inxustificadas e, en
calquera caso, evitábeis. De novo Atento non quixo chegar a acordo, co
que o mesmo día a representación legal dos traballadores/as interpuxo
demanda de conflito colectivo reclamando a nulidade das reducións de
xornada.
O Comité de empresa denuncia, unha vez máis, a
prepotencia da que fan gala Telefónica e Atento cando se trata de
agredir e recortar os dereitos dos seus traballadores e traballadoras.
Nesta ocasión non lles abondou con reducir innecesariamente as nosas
condicións laborais, senón que aínda foron máis lonxe ríndose de nós:
xusto unha semana antes do acto de conciliación polo conflito das
reducións de xornada, Atento decide anunciar e celebrar ao grande no seu
centro de traballo da Coruña a consecución dun novo galardón
empresarial (Great Place to Work). Para o Comité de empresa este tipo de
premios á "excelencia empresarial" non son máis que un artificioso
xeito de vender unha imaxe corporativa ideal diametralmente oposta á
realidade laboral dos traballadores, que nesta empresa -como en todas as
do sector- raia a escravitude.
Unha mostra diso encontrámola en
varias avaliacións de riscos psicosociais que se realizaron entre o
equipo e que evidencian unha nociva carga mental no traballo. Aínda que é
patente que as nosas condicións seguen empeorando, Telefónica e Atento
nada fan para palialo; moi ao contrario seguen fomentando a explotación e
conflitividade laborais e optando por que sexan os xulgados os que
ditaminen as consecuencias dos seus atropelos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario