2 de abr. de 2012

Imputados por detención ilegal, danos e lesións catro dos policías españois que participaron no arresto do cámara da CIG

As probas médicas confirmaron que ten unha escordadura de ombro e sofre lesións nas mans e contusións en distintas partes do corpo
Catro dos policías españois que participaron no arresto do cámara da CIG durante a xornada de folga xeral terán que comparecer no Xulgado de Instrución número 7 de Vigo ao imputárselles un presunto delito de detención ilegal, danos e lesións. As probas médicas confirmaron que o traballador ten un ombreiro escordado e sofre lesións nos pulsos e hematomas en distintas partes do corpo.

A xuíza decidiu a apertura de dilixencias penais contra os catro axentes despois da denuncia formulada polo cámara, que declarou está mañá nos Xulgados de Vigo, onde ía ser xulgado por suposta desobediencia e resistencia á autoridade nun xuízo rápido que finalmente non se celebrou, aínda que a Fiscalía mantén os cargos.

Así mesmo, o traballador foi examinado pola forense no edificio xudicial, que confirmou as lesións que figuraban no parte médico de urxencia.

Esta mesma tarde foi sometido a un novo exame no Hospital Xeral e detectóuselle unha escordadura de ombreiro e lesións nos pulsos que o incapacitan temporalmente para o exercicio da súa profesión, polo que tivo que solicitar a baixa médica.

Presenta tamén feridas e contusións en distintas partes do corpo. Previamente recollera a súa cámara nos Xulgados, onde puido comprobar que presenta desperfectos. A tarxeta de memoria foi aportada como proba polo propio afectado tras recoller a cámara, polo que lle solicitou á xuíza que incorporase unha copia das imaxes ás dilixencias.

Detido mentres desenvolvía o seu labor

O cámara foi detido na madrugada do 29-M mentres rexistraba imaxes dun piquete informativo na parte traseira do Alcampo de Coia, en Vigo, acusado de desobediencia e resistencia á autoridade, por supostamente terse negado a identificarse e ter intentado impedir a súa detención.

O afectado insistiu na súa declaración perante a xuíza que en ningún momento se negou a amosarlle a súa identificación aos axentes, “só que non me deron tempo porque comezaron e empuxarme bruscamente cara aos furgóns policiais”. Eu só lles dicía -explica- que tiveran coidado coa cámara, que a ían romper, e intentaba sostela cunha man mentres tiña a outra metida no peto para sacar a miña identificación.

O cámara é reducido entón con violencia e até catro axentes participan na colocación das esposas, proceso que se prolonga máis de 10 minutos ante a indignación do pequeno grupo de persoas que a esa hora formaba un piquete no que non se rexistraran incidentes. O detido limitábase a tomar imaxes e foi requerido polos axentes cando xa abandonaba o lugar e sen que antes se tivesen dirixido a el en ningunha ocasión.

Esta desmesurada actuación policial podería responder, segundo lle manifestou o traballador á xuíza, ao feito de que minutos antes rexistrara coa súa cámara como os axentes se dirixían ao integrantes do piquete con violencia e faltas de respecto a pesar de que non se produciron momentos de tensión. De feito, outras persoas que gravaban con teléfonos móbiles tamén foron identificadas polos policías e obrigadas a borrar as imaxes.

Ningún comentario: