2 de abr. de 2012

A CIG anuncia mobilizacións coincidindo coa votación no Congreso da reforma laboral e exixe a súa retirada

A CIG anunciou esta na mañá do venres, en rolda de prensa, a convocatoria de mobilizacións, coincidindo coa votación, no Congreso dos Deputados, da reforma laboral. A data fixarase cando se confirme o día no que se celebrará ese pleno, aínda que todo parece indicar que será o vindeiro 12 de abril. O anuncio fíxoo Suso Seixo, secretario xeral, quen recoñeceu que tanto o seguimento da folga como as multitudinarias manifestacións superaron todas as previsións. “Percibíase a preocupación e o rexeitamento dos traballadores e traballadoras á reforma nas asembleas, o que facía pensar que sería un éxito, pero a resposta foi incluso superior ao que agardábamos”.

Suso Seixo cifrou o seguimento da folga xeral por riba do 80%, tendo en conta que foi desigual a incidencia nalgúns sectores, pero que se paralizou a actividade tanto nos polígonos industriais como nas grandes empresas, nos transportes, na limpeza e mesmo tivo especial repercusión en sectores como administración ou Ensino.

Salientou a elevadísima participación nas manifestacións convocadas durante esta xornada, contra a reforma laboral e contra as políticas do Partido Popular. Participación que, dixo, demostra a enorme “sensibilización, preocupación e rexeitamento que provocou a reforma laboral, que representa o ataque máis duro aos dereitos laborais desde o franquismo”.

Retirada da reforma

Ante isto, emprazou ao goberno do Partido Popular, a “tomar nota e retirar a reforma”, convencido de que, tanto a convocatoria de folga, como a oposición á reforma, condicionaron os resultados das eleccións andaluzas e asturianas.

Sindicalismo nacionalista

Alén do éxito xeneralizado, destacou a especial repercusión da folga xeral e a maior mobilización social que se deu en Galiza e en Euskadi, por mor da presenza do sindicalismo nacionalista que, desde que se comezaron a pór en marcha as políticas neoliberais para saír da crise e a aprobar as reformas, defendeu “a mobilización social e a necesidade de contestar ás políticas económicas e sociais impostas para saír da crise”.

A este respecto, cuestionou a utilidade das mesas de diálogo social, nas que, afirmou, “o pactado até o de agora foron medidas que lle interesaban á patronal. Pactos que contribuíron ademais a desmobilizar, cando se queremos parar estas políticas hai que mobilizarse”.

Para Seixo, moitos traballadores e traballadoras “entenderon e compartiron a nosa mensaxe e as nosas propostas de retirar a reforma, non negociala”, porque “non vai favorecer a creación de emprego, todo o contrario. Só se creará emprego se se poñen en marcha políticas económicas que axuden a reactivar a economía”.

De feito, insistiu en que a reforma está pensada para facilitar o despedimento e favorecer a competitividade pola vía de rebaixar as condicións laborais, substituíndo o emprego fixo por emprego precario, e as condicións salariais. Reiterou que iso só favorece ás grandes empresas e á banca, porque provocará unha caída das vendas das pequenas e medianas empresas, que dependen do mercado interno para sobrevivir e afirmou que “xa poden facer a reforma laboral que queiran e mesmo obrigar aos traballadores a que vaian a traballar gratis, porque nin con iso se facilitará a saída da crise”.

A isto engadiu que o goberno do PP faille un enorme favor á banca, en pleno proceso de concentración, que botará man da reforma para alixeirar cadros de persoal cun custo moito menor.

Actitude da policía

O secretario xeral da CIG destacou os poucos conflitos que houbo cos piquetes “grazas á actitude dos propios piquetes e non da policía”, á que acusou de, en moitos casos, adoptar unha actitude provocadora e insultante.

Como exemplo puxo un incidente en Compostela, onde unha furgoneta foi cara un grupo de rapaces que saíron correndo e aos que insultaron cun “corréis como perros asustados” ou o aínda máis grave de Vigo, onde un cámara da CIG foi placado no chan pola policía para quitarlle a cámara. “Tirárono, esposárono e detivérono”.

Bernal Rúa, estaba gravando, nese intre, os insultos e as provocacións da policía ao piquete que estaba diante do Alcampo de Vigo e, se cadra, á policía non lle interesaba que quedara constancia da súa actitude, explicou Seixo.

Novas mobilizacións

Para darlle continuidade ás mobilizacións desenvolvidas até o de agora contra a reforma laboral, Seixo anunciou a convocatoria de concentracións nas sete cidades, coincidindo coa celebración, no Congreso, do pleno no que se aprobará definitivamente o texto.

Ao parecer, o PP pretende que se vote a a reforma no mesmo pleno no que se debatan as emendas á totalidade. A data máis probable é o 12 de abril, pero non se deixará pechada mentres non estea confirmado.

O secretario xeral da CIG anunciou tamén que “se finalmente o PP non é sensíbel á enorme contestación social, a CIG seguirá combatendo esta reforma, no día a día, nos centros de traballo e nas empresas” e asegurou que nese caso si é imprescindíbel a unidade sindical, como única forma de impedir que a reforma laboral se aplique”.

A CIG condicionará estas mobilizacións aos recortes que se introduzan vía orzamentos xerais do Estado. “Nese caso, miraremos se quedamos só en concentracións ou iremos máis alá”. Para tomar esa decisión, a central sindical xa ten convocado un secretariado para o vindeiro martes, día 3 de abril.

Ningún comentario: