26 de mar. de 2012

Traballadores/as de Atento protestan contra as intencións da empresa de reducir a xornada de persoal que xa está a tempo parcial

Os traballadores e traballadoras de Atento secundaron o pasado venres paros de unha hora e concentracións nas distintas quendas de traballo en rexeitamento ás intencións da empresa de reducir a xornada laboral –e o salario- do persoal do Servizo CAT- ADSL, que actualmente xa ten contratos a tempo parcial.

A empresa alega causas produtivas e organizativas para aplicar estas modificacións a uns 180 traballadores/as da plataforma que Atento ten na Coruña. Segundo a dirección, nos últimos meses produciuse unha diminución do número de chamadas entrantes no Servizo CAT-ADSL, que afecta especialmente aos centros da Coruña e Cáceres.

Baixo esta escusa e aproveitando as facilidades introducidas na reforma laboral aprobada polo PP, Atento pretende acometer unha modificación substancial das condicións de traballo, reducindo a xornada de 180 empregados/as que nestes momentos xa teñen unha xornada parcial.

A Federación de Banca da CIG denuncia que a empresa, para xustificar esta medida, só achegou documentación de elaboración propia, pouco fiábel e verificábel, a pesar das reiteradas peticións de datos por parte do Comité. Por iso, a CIG-Banca amosou a súa total oposición a esta medida ao considerala inxustificábel e inxusta, xa que afecta ao persoal máis feble.

Ningún comentario: