26/03/2012

O secretario xeral da CIG explica os motivos que levaron á central a convocar manifestacións propias o día da folga

Dende o primeiro momento en que na CIG decidimos promover a convocatoria de folga xeral en Galiza paro o día 29 de marzo, insistimos en que era importante que houbese unha resposta o máis ampla posíbel da clase traballadora galega, e mesmo das outras nacións do Estado, contra esta reforma laboral tan brutal, e nese sentido manifestamos a nosa disposición a pornos de acordo na data coas outras centrais sindicais, coas nacionalistas por suposto, pero tamén coas españolistas (CCOO-UGT), se finalmente tamén elas decidían convocar a folga. Despois de darlle moitas voltas, agardando a que o Goberno español lles abrise a porta a unha negociación da reforma, como iso non foi posíbel, estas dúas centrais sindicais decidiron convocar a folga xeral no Estado para o propio día 29 de marzo, o cal desde a CIG o valoramos como altamente positivo.

Dito isto, compre facer as seguintes precisións, respecto do facer ou non manifestacións conxuntas o propio día da folga xeral:

1º.- A unidade sindical non depende de ir xuntos ou non ese día na manifestación, nin o éxito da folga tampouco, de feito xa temos a experiencia da folga xeral do 29 de setembro de 2010, no que tamén fixemos manifestacións por separado o propio día e cunha participación de xente realmente importante, das maiores de todo o Estado.

2º.- A unidade sindical contra a reforma imos ter que construíla no día a día, empresa a empresa, convenio a convenio, para evitar que a mesma se aplique e aí imos ver ata onde o sindicalismo españolista, CCOO e UGT, están dispostos a enfrontarse a patronal e a facer corpo coa CIG. Isto foi o que lle propuxemos como CIG, aos secretarios xerais de CCOO e UGT en Galiza, sen que lle conseguísemos sacar compromiso algún, fora de declaracións de boas intencións.

3º.- Hoxe xa temos diferenza a hora de enfrontar esta reforma, eles levan esperando semanas para que o Goberno os chame a negociar a reforma, para dulcificala e intentar facela vendíbel socialmente, ao igual que fixeron coa reforma das pensións, pois ese é o seu modelo sindical e sen ese xogo do diálogo social aparente o seu modelo sindical perde sentido. O noso posicionamento chamando á folga xeral é o de esixir a retirada da reforma, pois é evidente que nin esta nin outra reforma van crear emprego, o único que busca este goberno, ao igual que o anterior coas reformas que fixo, é facilitar o despedimento, desregular o mercado laboral e debilitar e desorganizar á clase traballadora.

4º.- Compre non esquecer que estas dúas centrais sindicais veñen, e van seguir si lles deixan, facendo unha política permanente de pactos co poder político e económico, mesmo aquí en Galiza coa Xunta do PP, pactos e acordos que están contribuíndo a recortar dereitos, a rebaixar salarios, a aumentar a idade de xubilación, a abaratar o despedimento, a incrementar os beneficios das empresas vía subvencións con fondos públicos, a flexibilizar as condicións de traballo nas empresas ou a centralizar e burocratizar a negociación colectiva e a desmobilizar á clase traballadora, facilitándolle así ao capital a saída á crise económica.

5º.- Na CIG levamos anos enfrontados a este modelo sindical entreguista e de colaboración co poder, facéndolle ver a clase traballadora galega que nós representamos un modelo sindical distinto, tanto desde o punto de vista de defensa dos intereses de clase como de defensa dos nosos intereses e dereitos como parte que somos da nación galega. Isto foi entendido, e está sendo entendido, por un número cada vez maior de traballadores e traballadoras galegas, e así se pon de manifesto na participación nas nosas mobilizacións e tamén no feito de ser a primeira central sindical de Galiza en afiliación, con 75.000 afiliados/as. Pero todo isto conseguímolo a base de moito sacrificio, de dar a cara nas empresas por parte dos nosos afiliados e dos nosos delegados e delegadas, de arriscarse mesmo a ser despedidos nos procesos electorais, sufrindo o silenciamento e a manipulación de moitos medios de comunicación, mentres outros, gozaban de todo tipo de facilidades e apoio por parte das administracións públicas e da patronal, sen ruborizarse e sen preocuparse pola CIG.

6º.- Se avaliamos mesmo o que está a ocorrer coa convocatoria de folga xeral, os representantes destas dúas centrais sindicais, de momento, só están facendo a convocatoria da folga a través dos medios de comunicación e en algunha gran empresa, quen realmente está a traballar de forma masiva a convocatoria nos centros de traballo e na rúa, ao igual que sucedeu na folga do 29 de setembro de 2010, somos nós a CIG.

7º.- Non parece pois oportuno que unha vez conseguido o importante, que todos convoquemos a folga xeral o mesmo día, vaimos máis alá aparecendo todos xuntos nunha mesma manifestación, dando imaxe dunha unidade sindical que non é real, na que a CIG imos quedar integrados na imaxe e obxectivos destas dúas centrais sindicais, que van querer quitar rédito sindical, xestionando e utilizando o resultado da folga e das manifestacións para as súas negociacións co Goberno. De feito, as direccións estatais de CCOO e UGT, en ningún momento se dirixiron as outras centrais sindicais máis representativas no Estado, caso da CIG, ELA ou LAB, para falar da contestación á reforma laboral, da convocatoria da folga, de cal ía ser a reivindicación a facer (se retira ou negociación da reforma), de que facer contra a reforma despois da folga xeral, etc. Nós, como central sindical, non podemos aceptar este tipo de actitudes, por unha cuestión de respecto e de dignidade.

8º.- Por último, a unidade sindical, a loita contra a reforma laboral e por outro modelo produtivo e económico, ten que darse nos centros de traballo, nos convenios colectivos, aí e onde imos comprobar ata que punto é posíbel pórse de acordo con estas dúas centrais sindicais a hora de pactar alternativas e enfrontarse á patronal, esa é a verdadeira unidade que lle interesa á clase traballadora e que ata agora, en xeral, non existiu, pois temos prácticas sindicais e visións de como enfrontármonos á crise económica moi diferentes. En calquera caso, o importante nestes momentos, é conseguir que a folga xeral sexa un éxito, que ese día as rúas sexan un clamor popular contra esta reforma laboral e para esixir dos gobernos outras políticas económicas e laborais favorábeis aos intereses da maioría social. Como sempre, nese traballo os da CIG imos estar á cabeza da contestación social, coas nosas propias mensaxes e alternativas, orgullosos do que somos, sen confusións nin ambigüidades.

Moito ánimo, moita solidariedade e ningún paso atrás.

Galiza, marzo de 2012.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG.

A seguir, ofrecemos os horarios das manifestacións que terán lugar nas diferentes cidades e vilas galegas no día da folga xeral, 29 de marzo. A mobilización central será en Vigo e nela participará o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

Vigo: ás 12.00 horas dende o cruce da Doblada

Lugo: ás 12.30 horas dende o parque de FRIGSA

A Coruña: ás 12.00 horas dende a Praza de Vigo

Vilagarcía: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar

Compostela: ás 12.30 horas dende a Praza Roxa

Ribeira: ás 12.45 horas na Praza do Peixe

Cee: ás 12.00 horas diante do Concello

Pontevedra: ás 12.00 horas dende a Praza da Ferrería

Foz: ás 19.00 horas na Casa do Concello

Ferrol: ás 13.00 horas dende a Avenida de Esteiro (local da CIG)

Xinzo de Limia: ás 11.30 horas na Praza do Concello

Ourense: ás 12.00 horas desde o pavillón dos Remedios

Verín: ás 11:30 horas na Praza do Concello

Cee: ás 12.00 horas diante do Concello

Ningún comentario: