26 de mar. de 2012

A CIG-Mocidade pon en marcha unha campaña informativa sobre as consecuencias das reformas nos contratos para a xente nova

Baixo o lema “Precisamos emprego para termos futuro”, “Non á reforma laboral do PP”, a CIG-Mocidade denuncia que as recentes medidas dirixidas á xente nova por parte dos distintos gobernos amosan que non só son ineficaces para pórlle freo á situación de crise que estamos a padecer, senón que van precarizar até o escravismo as condicións laborais das mozas e dos mozos.

Os contratos para a formación e o aprendizaxe da mocidade que recolle a reforma do PP, en opinión da Secretaria da Mocidade da central nacionalista, Margarida Corral, empeoran os aprobados polo Goberno do PSOE, “facendo traballar á mocidade até os 30 anos, durante incluso tres anos, cun salario de apenas 480 euros, podendo volver a contratalos/as baixo esta modalidade, se fan un cambio na actividade ou ocupación, condenándoos e condenándoas a seren aprendices eternamente”.

Dentro da campaña están a organizaranse repartos específicos en puntos concretos, como as oficinas do INEM, centros de ensino superior, formación profesional, Universidades, alén de centros de traballo, co obxectivo de achegar información ao respecto das distintas modalidades de contratación existentes na actualidade, bolsas e prácticas dirixidas á mocidade.

Alén disto, a Secretaría está a participar en diversas charlas, foros de debate e asembleas abertas nos centros de ensino superior e universitario, co fin de achegar información sobre os contidos da reforma laboral, e animar ao estudantado a participares na folga xeral convocada en Galiza para o día 29 de marzo e nas manifestacións convocadas durante a xornada da folga.

Desde a CIG-Mocidade fan un chamamento ás mozas e mozos galegos a que participen no día a día da central sindical, en todas as convocatorias organizadas pola CIG nas distintas comarcas do país, e a que amosen o seu rexeitamento a unhas políticas e a un modelo ao que a CIG fai fronte, porque existen alternativas para unha mellor defensa dos intereses da mocidade traballadora galega.

Ningún comentario: