16 de mar. de 2012

Continúan as mobilizacións do persoal de Sykes en contra do despedimento de 165 traballadoras/es

O persoal de Sykes Enterprises está desenvolvendo este xoves unha nova xornada de mobilizacións en rexeitamento ás pretensións da multinacional de despedir a 165 traballadores/as da plataforma da Coruña. O Comité convocou para este xoves dúas concentracións, unha por cada quenda de traballo, e paros de unha hora de duración, que volverán repetir o mércores da próxima semana.

Unha vez máis, dende o Comité reclamaron á Xunta de Galiza que asuma ás súas responsabilidades neste conflito para evitar unha nova sangría no emprego da comarca. Para iso pídenlle que cite a Telefónica para que aclare a que plataforma do telemárketing vai levar a campaña “Negocios e Profesionais” unha vez finalice o contrato con Sykes, xa que o convenio colectivo recoñece o dereito á subrogación dos traballadores/as afectados polo cambio de empresa.

A perda deste contrato é a escusa que utiliza Sykes Enterprises para xustificar o despedimento de 165 traballadoras/es da plataforma que ten no Polígono da Grela. Deste persoal, 81 serían empregados/as fixos aos que despediría vía ERE de extinción, mentres que os 84 restantes son persoal eventual.

A representación do persoal lembra a Xunta que ten competencias neste conflito e que é a súa responsabilidade legal e moral defender o mantemento dos empregos, nun contexto especialmente difícil para a clase traballadora. Así as cousas, até o momento a Consellaría de Traballo e Benestar non se ten pronunciado a este respecto nin se dirixiu á parte social para coñecer a súa situación.

De levarse adiante, este sería o cuarto ERE que aplica a dirección de Sykes no centro de traballo da Coruña en menos de dous anos.

Ningún comentario: