26 de mar. de 2012

Centos de persoas participan nas concentracións simultáneas convocadas pola CIG en todo o país para rexeitar a reforma laboral

Centos de persoas participaron esta tarde nas concentracións simultáneas convocadas pola CIG nas cidades galegas e en varias vilas do país en contra da agresiva reforma laboral aprobada recentemente polo Goberno español do Partido Popular. As mobilizacións, que se desenvolveron en 19 localidades galegas, forman parte da campaña que está a levar a cabo a central nacionalista para aglutinar forzas de cara a dar unha contundente e masiva resposta na folga xeral do xoves 29 de marzo.

Con estas mobilizacións, que se desenvolveron nun total de 19 localidades de toda a xeografía galega, a central sindical pretende tamén trasladarlles ao Gobernos español e galego o rexeitamento que existe nos centros de traballo a respecto desta brutal e regresiva reforma laboral.

Unha reforma laboral que ten a dimensión dun golpe de estado e vén acabar cos poucos dereitos laborais que a clase traballadora conquistou nas últimas décadas.

A CIG reitera que modificación da regulación do mercado laboral non ten como obxectivo fomentar a creación de emprego, senón ao contrario, só servirá para axudar a destruílo, deixando nunha posición de total indefensión ao traballador/a fronte á patronal.

Esta reforma do Partido Popular está dirixida a abaratar e facilitar o despedimento, provocar unha baixada xeneralizada dos salarios, precarizar as condicións de traballo e desmantelar a negociación colectiva como arma fundamental da clase obreira para mellorar as súas condicións de vida.

Ningún comentario: