29/03/2012

As primeiras horas de folga deixan totalmente paralizada a actividade nos principais polígonos industriais galegos


Os primeiros piquetes informativos saíron en Vigo arredor das 20.00 horas cara ao polígono do Porriño, onde a tónica xeral foi a ausencia de traballadores/as da quenda de noite. A recollida de lixo da cidade atópase totalmente paralizada. Despois da media noite partía do local da CIG o piquete máis numeroso, que percorreu a rúa Urzaiz até a estación de trens para regresar por Vía Norte de novo até o Calvario.


Na provincia de Ourense tampouco se rexistrou actividade algunha nos polígonos industriais durante as primeiras horas do paro, mentres que a recollida de lixo está en servizos mínimos.

Na cidade da Coruña os primeiros piquetes saían por volta das 21:30 horas para levar a súa actividade informativa até o Polígono de Sabón, diante das portas da Voz de Galicia e Zara Loxística. Nesta última, a actividade está totalmente paralizada, xa que non acudiu a traballar ningún empregado/a da quenda de noite. No caso da rotativa do xornal coruñés, tan só un traballador entrou no servizo.

Así mesmo, a recollida de lixo no Consorcio das Mariñas está parada e tampouco saíron os camións de Cespa na cidade da Coruña, xa que, grazas a labor do piquete informativo, os/as traballadores/as que acudiran ás instalacións entenderon os motivos desta folga e decidiron secundar o paro de xeito masivo.

A planta de tratamento de residuos de Albada en Nostián permanece sen ningún tipo de actividade. Tamén están paradas as plantas de Baixamar e Leyma.

Na comarca de Ferrol, nos polígonos industriais a actividade está paralizada, xa que naquelas empresas con traballo 24 horas, a quenda de noite non entrou a traballar. Este é o caso de Intasa, almacén de Pull&Bear, Indipunt, Leite Celta ou Poligal. A estas hai que engadirlle o parón total da actividade dos dous estaleiros públicos. A recollida de lixo nos Concellos de Narón e Ferrol tamén está parada.

Por volta da unha da madrugada un piquete formado por unhas 500 persoas estivo facendo un percorrido polo caso urbano de Ferrol. Ás 5:00 da mañá o piquete volverá concentrarse na Praza de Armas para de aí trasladarse até os polígonos industriais.

Ningún comentario: