29 de mar. de 2012

A CIG valora moi positivamente o seguimento da folga xeral por parte da clase traballadora galega

A CIG considera cumpridas as expectativas con respecto á xornada de mobilización despois de comprobar que a actividade industrial se atopa totalmente paralizada. O paro tamén está a afectar aos servizos de recollida do lixo e ao transporte público, que funcionan con servizos mínimos. Para a central nacionalista este apoio amosa o masivo rexeitamento á nova reforma laboral do Partido Popular e agarda que o alto índice de participación se manteña durante toda a xornada.


A tónica xeral está a ser a ausencia de incidentes graves, o que contrasta coa desmesurada actuación dos corpos policiais. De feito, durante a noite producíronse algunhas agresións a piquetes, numerosas identificacións e un xornalista da CIG foi detido. A estas horas xa se atopa en liberdade.


Os principais polígonos industriais do país amencían desertos e sen a penas presenza de traballadores/as. As empresas máis importantes tampouco rexistran actividade, como é o caso de Citroën en Vigo; Zara Loxística, Repsol e Alcoa na Coruña; Alumina en Lugo; Dalfor e Adolfo Domínguez en Ourense; Navantia en Ferrol; Grupo Televés, Papeleira de Brandía e Castrosúa en Compostela; Celulosas en Pontevedra; Os portos e as lonxas de peixe tampouco rexistran actividade algunha, ao igual que os aeroportos e o servizo de trens. Esta paralización total déixase sentir tamén nas rúas, onde case non se aprecia tráfico ou movemento de persoas.

A CIG esixe a retirada da reforma


Neste senso, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, valora como altamente positiva a participación na folga xeral, en función dos datos dos que dispón a central sindical, cun seguimento que, a esta hora é superior ao que había á mesma hora na folga xeral do 29 de Setembro.


Para o secretario xeral da CIG, nesta folga “estámonos xogando conseguir parar unha reforma laboral feita á carta para os empresarios, que desmonta o dereito do traballo e que deixa que sexan as empresas quen decidan de forma unilateral sobre as condicións laborais”.


O obxectivo da CIG, con esta convocatoria, “é que se retire, porque supón o ataque máis grave que se ten asestado á clase traballadora desde o franquismo”, explica e adianta que a central sindical “seguirá loitando contra esta reforma mañá e nos días seguintes”.


Seixo demandou ao PP que “sexa sensíbel co clamor popular” e que non impoña a súa maioría. Engade que a CIG “dará a batalla nas empresas e nos convenios colectivos”.


Lembra que esta reforma non permitirá crear emprego “está dirixida unicamente a facilitar e abaratar o despedimento; proporcionar man de obra barata e favorecer a competitividade pola vía da precarización.


Fronte a isto, aposta por reactivar a economía, que é a clave para crear emprego, algo que non se conseguirá se se mantén esta política de recortes. “Hai que facer políticas para a maioría social e non para os especuladores”.

Vigo


Na quenda de noite de Citroën case non entrou xente, mentres que a da mañá atópase totalmente paralizada. 100% paro na recollida do lixo. Só servizos mínimos no transporte urbano (Vitrasa) e taxi. Faro de Vigo non se editou, ao igual que a edición galega de El País. Paro total no porto, en MercaVigo, en Dalphi Metal e nas empresas da Zona Franca e dos poligonos de Valadares e Caramuxo (basicamente sector metal e afíns, automoción...). Paro en Alcampo, nas obras do AVE en Chapela, Redondela, e nas obras de construción do novo hospital de Vigo.

Ferrol


Os polígonos industriais, os estaleiros, a limpeza dos concellos, o transporte, a estación de Autobuses, todo está pechado. A xornada está sendo tranquila, agás tres detidos de CCOO, dous nas Pontes e un no Polígono de Fene.

Pontevedra

O polígono do Campiño está parado, o Porto de Marín tamén, na Estación de Autobuses, onde a flota de Monbús é do 90%, non saen. Celulosas está parada.

Lugo


En Alcoa non entrou a quenda da noite nin a das 6:00 horas da mañá. No transporte público só funcionan os mínimos, a estación de autobuses xa nin abriu. Paralizada a actividade nos polígonos do Ceao e de Xove.

Compostela

O transporte está parado, de feito está pechada a Estación de Autobuses e non saíron nin os mínimos. Polo momento, están pechados, o 100% o Grupo Televés, a Papeleira de Brandía e Castrosúa. No polígono do Milladoiro, está todo parado, até a gasolineira, que está pechada. A Universidade está pechada e a Xunta de Galiza paralizada en máis dun 80%, ao igual que o Concello.
No polígono do Tambre os accesos están pechados. Na zona de Meixonfrío están os accesos cortados, pero tampouco hai movemento.

Ribeira


Os polígonos de A Tomada (A Poboa) e Xarás (Ribeira) que acollen a uns 1.800 traballadores/as e nos que se ubican algunhas das empresas máis importantes (Frinsa, Congalsa, Procesados Pesqueros, Salica S.A. ou Limber Multiservicios) están practicamente inactivos.
Só temos constancia de que en Congalsa (unhas 350 traballadoras) só entrou un turno ás 6.00 (unhas 10 persoas).
Non hai coches nos aparcamentos dos polígonos.

Ourense

No polígono do Pereiro está todo paralizado, até a gasolineira e a ITV, agás unha parte dunha empresa téxtil, na que a actividade non supera o 25%. No parque tecnolóxico practicamente non hai movemento.
No polígono de San Cibrao, paro absoluto. Salienta a importante presenza da Garda Civil, en contraste coa ausencia de movemento, nin coches, nin vehículos pesados. Na quenda das seis da mañá o movemento foi mínimo. Tampouco houbo recollida de lixo.

A Coruña


Sabón, o Porto ou a lonxa están pechados. En Zara loxística segue sen entrar a quenda de primeira hora da mañá. Tamén están pechados o porto pesqueiro e máis o comercial. Apenas hai movemento nas rúas.
Ademais, en Carballo o sector industrial ten secundado de xeito masivo a folga e están paradas as factorías de Calvo, Unemsa, Celsa Atlantic ou a Opel.
En Cee o porto tamén permanece paralizado e as empresas con máis de 150 traballadores/as rexistran un seguimento da folga que supera o 60%.

Ningún comentario: