Despois de meses de bloqueo da negociación do Convenio Colectivo de Contact Center (Telemárketing), o día 20 de setembro asistimos a unha reunión que non podemos cualificar máis que como alucinante. Os sindicatos centralistas defendendo a inclusión das causas de despido no convenio, e a patronal dicindo que no 2010 xa subiron os salarios que levan conxelados dende o 2009. Como a reunión foi pola tarde só se explicaría esta situación se comeron xuntos (e abusaron do viño e dos “chupitos”).
As empresas teiman dende o inicio da negociación en ampliar o artigo 17 (que permite despedir ao persoal temporal sen garantías), para poder despedir tamén ao persoal indefinido e ese foi un dos escollos que alongou a negociación 21 meses. Ademais malia que levamos co salario conxelado dende o ano 2009, din que no ano 2010 xa subiron os salarios, e que hai que partir desa situación ¿?.
Pero se a posición da ACCE é alucinante, aínda o é máis a postura de CCOO/UGT, que esta vez estiveron representados por “profesionais do sindicalismo” (burócratas sindicais) alleos ao sector de Telemárketing.
Os burócratas pro-empresa dixeron que, dado que a lexislación establece os criterios para despedir ao persoal indefinido, a patronal só ten que propoñer un redactado para o artigo 17 que permita despedir a este persoal legalmente. Hai pouco, fixeron un chamamento á folga xeral contra a reforma laboral, e agora propoñen incluíla no convenio.
Para a CIG o problema non é poder despedir colectivamente sen garantías ao persoal indefinido, senón ampliar as garantías para o persoal temporal. Xa abonda de despedimentos inxustos.
Antes do verán, unha das empresas que forman parte da patronal ACCE, Unísono, presentou un ERE extintivo nun centro de traballo en Vigo. Despois da negociación o ERE transformouse en temporal e rotatorio, demostrando que hai alternativas factibles aos despedimentos incluso nos peores momentos.
A patronal recorre aos despedimentos caprichosamente, como demostra o caso de Unísono en Vigo. Tiran de despedimentos porque é o máis fácil, pero non é o máis xusto nin sempre é necesario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario