2 de xuño de 2011

Convenio estatal: negocio da patronal

O 1 de xuño, cando se cumpre o ano e medio sen convenio, a CIG mobilizouse en varias plataformas de telemárketing na Coruña (Atento-Juan Florez, Sykes, Atento-A Grela, ou Eurocen), con concentracións dende as 10 da maña ata as 13:30.

O persoal propio das empresas principais (de telecomunicacións, bancos, do sector da enerxía, etc.) cobra de media 35.000 euros anuais, por facer traballos semellantes ou iguais ao noso. Pero malia que os nosos salarios son máis baixos, as Direccións das grandes empresas presionan para “rebaixar custes” e levamos 18 meses co salario conxelado.

Eses mesmos Directivos, executivos das empresas principais que subcontratan a través do telemárketing (como Telefónica, Santander, Iberdola, etc.), son os mellor pagados do Estado, con salarios que van do 1.000.000 de euros aos 10.000.000 millóns anuais.

Por poñer un exemplo o Presidente de Atento, a maior empresa de telemárketing e que ten o maior peso na patronal “ACCE”, Javier de Paz, asesor persoal de Zapatero, pode cobrar este ano preto dos 1.300.000 euros, tendo en conta os bonus e incentivos.

Malia todo isto a patronal di que só aceptará un acordo que manteña conxelados os salarios do persoal e que amplíe e abarate os despedimentos. Nos últimos 4 anos despediron a 2.000 persoas, nun sector que emprega a 8.000 persoas en Galiza.

O Convenio Estatal de Contact Center (chámanlle así en inglés porque pensan que queda moderno) é un gran negocio para as empresas de telemárketing e as empresas principais e un mal negocio para os traballadores e traballadoras.

Ningún comentario: