As empresas de telemárketing non queren convenio, queren esquilmarnos. Na reunión do día 4 de febreiro continuaron coa súa posición pechada:
Salarios 2010: Din que non procede subir os salarios en base ao IPC. Non actualizalos co 3% do IPC significaría un recorte salarial inxustificado.
Salarios 2011: Falan de que poderían subilo co IPC pero a cambio de modificar o apartado de contratación.
Contratación: Insisten en reducir a un 50% os contratos indefinidos; nós apostamos polo contrato indefinido como preferente eliminando os contratos por Obra.
Piden ampliar a contratación temporal, co alongamento dos contratos por Obra en 12 meses máis dos establecidos na reforma laboral. Unha reforma pola que convocamos unha folga o 29 de setembro, pero agora CCOO e UGT anunciaron nesta reunión estar dispostos a aplicala no sector, ampliando os contratos por Obra en 12 meses mais. Unha nova claudicación renunciando a loitar polo noso.
Así mesmo, as empresas insisten en ampliar as facilidades de despedimento que contempla o convenio para os temporais, estendéndoas ao persoal fixo.
Quede claro que a patronal non quere falar de contratación, quere falar de despedimentos. Non deberíamos dar unha resposta?
Dende a CIG solicitamos que no Convenio se impidan as cláusulas de extinción dos contratos por produtividade que estableceron algunhas empresas (que implica que no caso de non cumprir coa produtividade o traballador/a cesa na empresa voluntariamente, de balde e perdendo incluso o dereito ao paro).
Non mobilizarse é perder dereitos, sexa ante a reforma laboral, das pensións, ou na negociación do Convenio. Foi por iso que pensabamos que a situación do Convenio requiría unha folga e por iso fixemos un chamamento especial no noso sector cara a folga xeral do 27 de xaneiro.
O entreguismo das cúpulas sindicais de CCOO e UGT, que utilizan a representatividade que conseguen grazas ao aval que supón votar a estes sindicatos ou afiliarse a eles, favorece as reformas antisociais e impide que os traballadores e traballadoras de telemárketing teñamos un convenio xusto.
Nós continuaremos coas mobilizacións sociais contra as reformas e tamén coas mobilizacións por un Convenio digno e xusto, por un Convenio galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario