19 de xan. de 2011

Convenio: a patronal só quere ampliar a temporalidade e axilizar os despedimentos

Na reunión do día 17 de xaneiro, á que non puidemos asistir por quedar en terra os avións, a patronal que representa a todas as empresas de telemárketing, anunciou que o vindeiro 4 de febreiro presentará unha proposta para modificar os artigos 17 e 18 do Convenio, que sen esta modificación non será posible chegar a un acordo.

Despois dun ano coa negociación aberta, que non un ano negociando, veñen con que hai que ampliar a temporalidade e axilizar os despedimentos.


A reforma laboral avanzaba en equiparar temporais e fixos en canto a indemnizacións e facilidades para o despedimento, agora a patronal quere facer o mesmo no Convenio.

No telemárketing está claro que non hai problemas para facer contratos temporais de longa duración, nin para despedir polos motivos máis inxustos en calquera momento, o da patronal é unha pura provocación.

O mesmo que acontece coa reforma das pensións , CCOO e UGT continúan sentados para falar de recortes sen mobilizarse.

Se a alguén afecta a reforma das pensións é a nós: vivimos hoxe na precariedade e a padeceremos tamén no futuro. Esixir 41 anos cotizados para xubilarse con 65 implica cotizar de xeito ininterrompido dende os 24 anos, algo imposible co modelo actual de temporalidade/paro/temporalidade. Incrementar a cotización para ter dereito a pensión ata os 25 anos tamén nos afecta polo mesmo motivo.

Non cabe continuar sen mobilizarse, por iso o 27 de xaneiro a FOLGA XERAL convocada pola CIG debe ter un seguimento masivo no noso sector, está en xogo o noso futuro inmediato: o convenio, pero tamén o noso futuro a longo prazo.

Ningún comentario: