19 de nov. de 2010

A tartaruga segue o seu paso

Tras o paro no proceso de negociación decidido pola patronal, o pasado venres 12 de novembro tivo lugar una nova reunión da “mesa negociadora” na que se abordaban os puntos relativos a excedencias, clasificación e promoción profesionais e prevención, seguridade e saúde no traballo.

Dende a CIG volvemos defender as propostas incluídas na nosa plataforma ao respecto dos puntos a tratar, que detallamos:

  • Incluír no convenio unha definición estrita de cada unha das categorías profesionais recollidas.

  • Recoller dúas novas categorías profesionais:

  • Teleoperador/a de 1ª, que será alcanzada de xeito automático cando un teleoperador/a especialista leve 2 anos prestando servizo. O salario será o de teleoperador/a especialista e o 4% de incremento.

  • Xestor/a de 1ª que será alcanzada de xeito automático cando un xestor/a leve 2 anos desempeñando as funcións correspondentes Á súa categoría. O salario será o de xestor/a e o 4% de incremento.

  • Desaparición do artigo 40, xa que a Comisión creada no anterior Convenio non serviu máis que para proporcionar máis liberados/as aos sindicatos asinantes, sen chegar a ningunha conclusión, nin demostración do traballo feito.

  • Que o tempo entre chamadas non poderá ser inferior a 50 segundos, tanto en postos de emisión como de recepción de chamadas.

  • Incrementar a duración das pausas PVD de 5 a 7 minutos.

  • Que a representación legal dos traballadores/as poderá rexeitar a Mutua contratada pola empresa.

  • Que as empresas teñan a obriga de subscribir a favor dos seus traballadores/as unha póliza de seguros que cubra por accidente (laboral ou común), durante as 24 horas do día, os riscos de morte, invalidez permanente absoluta ou permanente total, así como a gran invalidez, na contía de 20.000 euros.

De novo a actitude da Patronal denota o seu interese de paralizar a negociación do convenio, e de seguir recortando os poucos dereitos dos traballadores e traballadoras do noso sector, solicitando eliminar a posibilidade de pedir excedencias especiais, non querendo avanzar no que respecta a clasificación profesional e recortando o número de pausas PVD que nos corresponden, xa que non lles agradou a sentenza do Tribunal Supremo a este respecto, e da que actualmente seguen a facer interpretacións.

Ante esta situación, dende a CIG, tentamos acordar un calendario de mobilizacións conxuntas coas outras centrais sindicais, pero non tivemos contestación, polo que estamos elaborando o noso propio calendario de actuacións, xa que é necesario de mobilizar o sector para desbloquear a negociación e conseguir avances reais.

Ningún comentario: