Galiza foi a nación do Estado onde os paros convocados a nivel estatal pola situación da negociación do Convenio do sector de telemárketing tiveron un maior seguimento, despois de que a CIG decidira sumarse á convocatoria, que non foi apoiada nin por CCOO, nin por UGT.
O paro dunha hora, na quenda de mañá das 12 ás 13 horas e na quenda de tarde das 18 ás 19 horas, foi un éxito en toda Galiza, nomeadamente nas cidades da Coruña e Vigo que concentran o maior número de empresas.
A folga afectou a todas as campañas que atenden estas subcontratas e durante a mesma os teleoperadores e teleoperadoras concentráronse diante dos respectivos centros de chamadas en demanda dun convenio digno. Os paros non foron apoiados nin por CCOO, nin por UGT.
Negociación bloqueada
A negociación do convenio de telemárketing está bloqueada dende principio de ano debido a actitude prepotente da patronal que, inicialmente defendeu atrasala até que estivera aprobada a reforma laboral para aplicala no Convenio Colectivo e que agora pretende atrasala novamente á espera da reforma da negociación colectiva.
Xa antes do verán a CIG trasladou aos distintos Comités de Empresa a proposta de realizar mobilizacións. Porén, as diferenzas sindicais impediron daquela chegar a un acordo despois de que a maior parte das outras centrais que, segundo CIG-Telemárketing, “actúan como franquicias” anunciaran que tiñan que pedir autorización ás súas direccións de Madrid.
Neste momento a CIG estuda un calendario de novas mobilizacións no sector para evitar que a patronal tire beneficio das reformas antisociais do goberno central do PSOE.
Precariedade arrastrada desde o anterior convenio e deslocalización
Desde o sector de telemárketing do sindicato nacionalista lembran que durante o período 2007-2009, no que se aplicou o anterior convenio que mantivo as precarias condicións laborais, as empresas reduciron no Estado 1.741 postos de traballo.
No mesmo período as mesmas empresas crearon 15.052 postos de traballo en terceiros países, froito dunha deslocalización sen límites coa complicidade dos gobernos autonómico, central e da AEPD (Axencia Estatal de Protección de Datos).
Diante desta situación, para a CIG-telemárketing queda claro que a precariedade e os baixos salarios non son a receita fronte a deslocalización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario