Na negociación do convenio colectivo están en xogo as nosas condicións laborais, a suba salarial, horarios e xornada, permisos, saúde laboral ou o réxime de despedimentos, algo, por outra banda, desgraciadamente habitual no sector.
Levamos 11 meses coa mesa de negociación do Convenio Colectivo de Telemárketing aberta, sen ningún tipo de avances debido á posición pechada e oportunista da patronal.
Durante este tempo, malia a nosa predisposición, non houbo unha soa medida de presión conxunta. CCOO e UGT nin contestaron ás nosas propostas de unidade de acción.
Así mesmo, a negociación deste Convenio vén precedida dun Acordo Estatal de Negociación Colectiva, asinado entre a CEOE (na que están integradas as empresas de telemárketing), CCOO e UGT, para topar a suba salarial no 1% nos convenios que se negocian este ano.
Con este panorama, o 25 de novembro tivo lugar unha reunión en Madrid entre as cúpulas da CEOE, CCOO e UGT para “intervir” na negociación de 170 convenios bloqueados, supoñemos que entre eles está o noso.
Ao fío disto, o día 26 de novembro na mesa negociadora do Convenio de Telemárketing, CCOO e UGT propuxeron un “convenio de transición por dous anos”, é dicir que nos suban os salarios un 1% e os resto todo siga igual de mal.
Dende a CIG anunciamos que hai que falar da suba salarial, non dun miserable 1% dende logo, e sobre todo da contratación. Así se quedou para o mes de decembro.
En definitiva estamos ante unha mostra evidente da podremia do marco estatal de negociación, un marco favorable á patronal e negativo para os traballadores e traballadoras, que nos reafirma na nosa proposta de Convenio Galego para os Centros de Chamadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario